A asociación de Amigos do Camiño Portugués inaugura o Bosque das Camelias

Pontevedra
02 de marzo 2019

Recuperouse un espazo abandonado próximo ao Albergue de Peregrinos coa plantación de 40 camelias. Ao mesmo tempo, célebrase a décimo quinta edición da Gala da Camelia na que participan 26 expositores, tanto españois como portugueses

XV Gala da camelia e inauguración do Bosque das Camelias
XV Gala da camelia e inauguración do Bosque das Camelias

Este sábado inaugurábase o 'Bosque das camelias', un espazo anexo ao Albergue de Peregrinos que se atopaba abandonado e cheo de lixo. Os integrantes da asociación de Amigos do Camiño Portugués realizaron nas últimas semanas un traballo de limpeza e plantaron 40 especies de camelias, a flor do Camiño a Santiago.

Entre elas atópanse especies doadas pola Estación Fitopatolóxica Areeiro, dependente da Deputación Provincial, tamén polo Concello de Pontevedra e por cultivadores, ademais de por integrantes de Amigos do  Camiño. Destaca, entre todas as especies, a camelia 'Camiño Portugués a Santiago', cultivada e doada por José Arán.

Á inauguración asistían a concelleira de Promoción Económica Anabel Gulías; a concelleira María José Rodríguez Teso; o presidente da Fundación, Celestino Lores; o presidente da AEJ de Portugal, Antonio Devesa; a presidenta da Sociedade Española da Camelia, Carmen Salinero; o presidente da confraría da Peregrina, Ignacio Landín, ademais do pintor Álex Vázquez e numeroso público.

Ao mesmo tempo, o Albergue de Peregrinos acolle a Gala dá Camelia, un evento que cumpre quince edicións. A camelia é a flor do Camiño Portugués porque está presente en todo o percorrido desde O Porto a Santiago. Celestino Lores afirma que a gala está totalmente consolidade e nela participan 26 expositores de nacionalidade española e portuguesa.

A concelleira Anabel Gulías sinalaba que as persoas que exercen de hospitaleras no Albergue representan a cara amable e máis hospitalaria da cidade. 

A exposición está acompañada con obras dos pintores Álex Vázquez e  Antón Sobral, ademais de por fotografías de Xulio Gil. Pódese visitar ata as 18.00 horas deste domingo 3 de marzo.