A Asociación de Mulleres Rurais 'A Azucreira de Portas' celebra as súas vodas de prata con dous anos de atraso

Umia
22 de maio 2022

Aínda que teñen 27 anos de existencia, non puderon celebrar o 25 aniversario ata o de agora por mor da pandemia

Almorzo de confraternidade da Asociación de mulleres rurais A Azucreira de Portas
Almorzo de confraternidade da Asociación de mulleres rurais A Azucreira de Portas /

A Asociación de Mulleres Rurais A Azucreira de Portas pudo conmemorar o seu 25 aniversario cun acto emotivo e un xantar de confraternidade no que participou o alcalde do municipio, Ricardo Martínez.

Despois de celebrar unha misa pola memoria das socias falecidas ao longo destes últimos anos, a presidenta da asociación Carmen Lago Diz, agradeceu o apoio e o traballo realizado polas súas compañeiras da xunta directiva ao longo de todos estes anos e tamén ás socias que coa súa participación activa nas actividades da entidade lograron que fora unha das máis dinámicas de todo o concello.

Carmen Lago alegrouse que despois da paréntese obrigada pola pandemia poideran celebrar agora o 25 aniversario que tivo que ser adiado con anterioridade por culpa das restricións da covid-19.

"Aínda que xa contamos con 27 anos de vida, por fin podemos celebrar como queriamos o 25 aniversario cun acto de reencontro entre todas as sociais e lembrando toda a nosa traxectoria", indicou Lago Diz.

Pola súa banda, o alcalde Ricardo Martínez felicitou á presidenta, Carmen Lago, e salientou o traballo asociativo e de dinamización do mundo rural feito por esta asociación ao longo de todos estes anos, brindándolles o seu apoio persoal e institucional como alcalde para que sigan desenrolando con garantías todas e cada unha das súas actividades como ata o de agora.