A corentena polo coronavirus paralizou a actividade dos aloxamentos de uso turístico en Galicia. Por iso, os propietarios queren sumarse á onda de mostras de solidariedade que xorden de forma espontánea con aqueles profesionais que continúan a súa actividade laboral para frear a pandemia.
Médicos e sanitarios en xeral que prestan servizos en hospitais, centros médicos e residencias de anciáns en toda a xeografía galega demandan aloxamentos próximos aos seus centros de traballo para facer máis fáciles as súas quendas de garda sen ter que desprazarse e para protexer ás súas familias de posible contagios.
Numerosos asociados de Aviturga, o colectivo que engloba a este tipo de vivendas, puxeron xa de forma totalmente gratuíta as súas vivendas ao dispor destas persoas como compensación solidaria ao altruísmo que demostran agora mesmo todos os profesionais da saúde. Aviturga, como asociación, ofreceu a todos os seus asociados a posibilidade de sumarse a esta iniciativa e funcionará de mediadora entre os anfitrións e quen necesite unha vivenda provisional, que deberán dirixir a súa petición ao mail da asociación, [email protected].
Por outra banda, Aviturga contactou con Consellería de Turismo ofrecéndolle a posibilidade de utilizar as vivendas turísticas como aloxamentos temporais para aqueles colectivos vulnerables, en situacións extremas ou que necesiten ser reacollidos provisionalmente a través de a modalidade de contrato de tempada, máis de 30 días, que permite utilizar as vivendas de uso turístico sen incumprir a normativa de peche que provoca o COVID-19.