A Asociación Estriceres traslada á Xunta as súas propostas ao proxecto de reforma da estrada vella de Marín

Pontevedra
25 de setembro 2021

Representantes da Asociación Veciñal "Estriceres", de Lourizán, participaron este venres nunha reunión cos responsables da Axencia Galega de Infraestruturas na Delegación territorial da Xunta en Pontevedra, para falar do proxecto de mellora da PO-546, coñecida como a carretra vella de Marín

PO-546, estrada vella de Marín
PO-546, estrada vella de Marín / Mónica Patxot

Representantes da Asociación Veciñal " Estriceres", de Lourizán, participaron este venres nunha reunión cos responsables da Axencia Galega de Infraestruturas na Delegación territorial da Xunta en Pontevedra, para falar do proxecto de mellora da PO-546, coñecida como a estrada vella de Marín.

Desde Estriceres cualificaron como "feo e cansino" que outros colectivos veciñais "representativos da parroquia" como son, ao seu xuízo, os de Pontemuíños, San Andrés ou A Fonte non fosen convidados a este encontro "e pola contra teñamos que asistir a un novo exercicio de puro clientelismo, coa presenza da asociación Armel, que como se ten sinalado no pasado, é o chiringuito do PP en Lourizán, unha 'asociación' sen socias, presidida por unha dirixente do PP municipal".

Ademais Estriceres criticou que os representantes da Consellería limitásense a presentar o proxecto de reforma do tramo de Estribela, que está en fase de alegacións ata o 3 de novembro, sen que se falase dos tramos correspondentes a Mollavao e Os Praceres. 

Os representantes veciñais explicaron as súas propostas sendo emprazados a un próximo encontro cando a empresa redacte o proxecto da obra. "Pola nosa parte preferimos que a empresa se reúna con nós máis dunha vez ao longo destes meses, para que poidamos participar dunha maneira real e efectiva. E non dentro de 5 meses cando o proxecto xa estea redactado e o peixe vendido", valoraron.

Estriceres presentará por rexistro as súas propostas nas que insisten "en que cando desde a Consellería se fala de 'sendeiro para peóns e para ciclistas', non nos queda moi claro a que se refiren e sospeitamos que pretenden ocupar o Dominio Público Marítimo Terrestre (DPMT). Nós o que queremos é un tratamento urbano na reforma, con beirrarúas en ambos sentidos e carril-bici, sen ocupación do DPMT".

OBRAS DO RIAL E DO OUTEIRO

Por outra banda, a asociación veciñal Estriceres reclama ao Concello de Pontevedra que termine " dunha vez" as obras nos camiños de Rial e Outeiro e afirman que "se nos empeza a esgotar a paciencia" xa que as obras comezaron en 2019, fai tres anos.

No ano 2020, cun 30% da obra executada, a empresa adxudicataria entrou en quebra, e houbo que esperar a 2021 para que o Concello resolvese o contrato para concluír as obras, "a día de hoxe estamos peor que en abril de 2019, cos camiños desfeitos e co inicio do outono e de camiño ao inverno e á chegada das das chuvas", lamentan.

Nos seus intentos por coñecer un posible calendario de execución, "no Concello ninguén nos respondeu", engade a asociación.