A Asociación Juan XXIII loita pola integración a golpe de baile

Pontevedra
21 de febreiro 2018

A Asociación Juan XXIII presentou un Programa de Actos que inclúe un 'flashmob', concertos solidarios, rutas e conferencias, entre outras iniciativas postas en marcha mes a mes para lograr a inclusión das persoas con necesidades especiais

Momento da presentación do programa de actos
Momento da presentación do programa de actos / Noelia Torres

A Asociación Juan XXIII cumpre 50 anos dunha historia chea de traballo, sacrificio e moito esforzo, tal e como sinalou a vicepresidenta da Xunta Directiva, Mari Carmen Puga, durante a presentación no Concello do novo programa de actos previstos para o 2018. Desde esta entidade, en permanente estado de mellora e crecemento, continúan incrementando a súa actividade social para que as persoas con discapacidade obteñan cada vez máis oportunidades.

Este venres 23 ás 11.30 horas celebrarase na Praza da Ferrería un 'flashmob' na que diferentes centros educativos e clubs deportivos bailarán ao mesmo tempo pola inclusión dos discapacitados na sociedade. O próximo acto, previsto para o mes de marzo, será a edición dunha nova revista corporativa da Asociación. 

A vicepresidenta fixo un percorrido pola historia dunha organización que naceu en 1968, soamente nove anos despois da primeira establecida en España. A creación da Asociación Juan XXIII foi pioneira ao tratarse dunha iniciativa da man de persoas con relevancia en Pontevedra, na que soamente una delas era familiar dunha persoa discapacitada. Un momento da historia na que o tema das persoas con necesidades especiais era moi incipiente. 

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores destacou "a gran evolución" desta Asociación e de todas as súas actividades, que teñen que ver cada vez máis coa formación e a integración no emprego de persoas con discapacidade. A xerente do Juan XXIII, Nuria Luque, quixo salientar o "orgullo" que supón para a entidade pertencer á cidade de Pontevedra e sinalou a inclusión social destas persoas como a "meta" da organización.

Ademais da presentación do programa de actos, unha das persoas que forma parte desta organización, Froila Torres, foi a encargada de mostrar a nova imaxe corporativa da Asociación, adaptada aos novos valores da mesma. Unha imaxe na que se inclúen pontes que "recrean a cidade, como símbolo de unión e unidade", ademais de tres íes que representan "a todas as persoas, á sociedade e ás persoas discapacitadas". Persoas que, como sinalou a vicepresidenta, "converteron as súas limitacións en capacidades humanas".