A asociación veciñal 'Combarro' ven de dar traslado aos grupos municipais no Concello de Poio e á Dirección Xeral de Estradas da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da "situación de risco permanente" que teñen as persoas usuarias da estrada PO-308. Concretamente, no tramo entre Combarro e Chancelas.
A Xunta acometerá a mellora deste vial despois do verán, pero esta asociación entende que deberían de executarse "de forma provisional" unha serie de medidas como a delimitación das beiravías que teñen raia continua "coa colocación sobre a mesma, en ambos os sentidos, de bolardos reflectores, polo menos desde antes do cruzamento de baixada ao peirao da Canteira ata o cruzamento do Colexio de Chancelas e o cemiterio".
O presidente desta asociación veciñal, Valentín Silva, sinala nun escrito que "son numerosas as queixas pola ocupación da beiravía por vehículos que impiden o paso dos peóns, tendo estes que invadir a calzada, sobre de todo en fins de semana e no verán".
Por outra banda, a veciñanza tamén reclama un repintado dos pasos de peóns, iluminación cenital e sinalización luminosa en ambos os sentidos, "e deberían de estar todos dotados de semáforos por ser unha vía urbana".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.