A Atención Primaria, de novo en folga para reclamar un servizo digno

Pontevedra
27 de novembro 2019

Desde as oito desta mañá os profesionais da Atención Primaria están en folga. En Pontevedra, aínda que a incidencia do paro fíxose notar desde primeira hora, non foi ata a tarde cando se celebrou unha concentración de protesta diante do ambulatorio Virxe Peregrina

Concentración de persoal de Atención Primaria no ambulatorio Virxe Peregrina
Concentración de persoal de Atención Primaria no ambulatorio Virxe Peregrina / Cristina Saiz

Desde as oito desta mañá os profesionais da Atención Primaria están en folga. En Pontevedra, aínda que a incidencia do paro fíxose notar desde primeira hora, non foi ata a tarde cando se celebrou unha concentración de protesta diante do ambulatorio Virxe Peregrina.

Os sindicatos celebran o apoio que está a recibir este paro entre todo o persoal da área sanitaria pontevedresa. Nela, segundo os datos que trasladaron á opinión pública, ata un 60% dos profesionais secundaron este paro.

O Servizo Galego de Saúde, sen embargo, reduce este seguimento ata o 18,1%.

A folga terá continuidade este xoves con novos paros para reclamar unha atención primaria digna.

Esta é a terceira folga que se convoca este ano na atención primaria galega. Con ela, o persoal sanitario reclama crear unha dirección de atención primaria que teña capacidade de xestión, que se alivie a sobrecarga de pacientes que atenden os médicos ou que se aumente o orzamento destinado aos centros de saúde.

Ademais, esixen que se cubran todas as prazas que seguen vacantes e que todos os médicos de familia, traballen onde traballen, poidan solicitar as mesmas probas diagnósticas, entre outras reivindicacións.

A raíz desta folga, desde a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés aseguraron que case todas as accións contempladas no Plan de Atención Primaria para o presente ano están executadas ou en proceso de completarse. 

Estas accións supuxeron a incorporación de trece novos profesionais, en concreto tres médicos de familia, un fisioterapeuta e nove enfermeiras, e o investimento de 1,4 millóns de euros para resolver as necesidades máis urxentes dos centros de saúde.

Con eses cartos, segundo o Sergas, adquiríronse maletíns de urxencias a todos os centros de saúde, catro ecógrafos ou material cirúrxico e se incorporaron oito dermatoscopios, material de fisioterapia e odontoloxía, pesabebés, oftalmoscopios de parede, 44 desfibriladores, 58 aparatos para medir a presión arterial, 61 espirómetros ou 56 electrocardiógrafos.

Ademais, destacan que estas medidas sumáronse a os profesionais consultores en atención hospitalaria, os profesionais de referencia en admisión, os programas de coordinación, a habilitación dunha receita electrónica para a atención no domicilio, para o 061 e para centros concertados, a conciliación da medicación tras a alta hospitalaria ou o reforzo dos protocolos.