A Audiencia absolve o porteiro dun pub acusado de tocar o cu a unha menor cando a expulsaba do local

Pontevedra
18 de novembro 2021

Os maxistrados indican que se aprecia "resentimento" da denunciante cara ao acusado, á vez que destaca que as dúas amigas que a acompañaban esa noite, as cales foron testemuñas presenciais do sucedido, non corroboraron a súa versión  

Xuízo polos delitos de agresión sexual e lesións
Xuízo polos delitos de agresión sexual e lesións / PontevedraViva

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra absolveu ao traballador dun pub de A Guarda dos delitos de agresión sexual e de lesións leves que lle imputaba o Ministerio Fiscal. 

O tribunal considera que non hai probas de que o sospeitoso lle tocase as nádegas a unha clienta, a agarrase pola boneca, a tentase bicar, a tirase sobre un sofá e lle mordese un peito.

Os maxistrados indican que se aprecia "resentimento" da denunciante cara o acusado, á vez que destaca que as dúas amigas que a acompañaban esa noite, as cales foron testemuñas presenciais do sucedido, non corroboraron a súa versión.

Ademais, a sala indica que a denunciante "falta á verdade en feitos periféricos", pois non recoñece "que foron co acusado en coche a A Guarda" ou que "realmente caeu nas escaleiras do pub cando se dispoñían a abandonalo". 

O tribunal tamén destaca que na declaración que prestou no xuízo fixo referencia "a uns feitos máis graves que os que foron obxecto de acusación". 

En canto ás lesións  objetivadas a través dun parte médico, a Audiencia resalta que son "compatibles coa caída sufrida nas escaleiras".

A Fiscalía solicitaba unha pena de oito anos de prisión para o acusado, como autor dun delito de agresión sexual a unha menor de 16 anos.