A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra rexeitou revisar a condena de 17 anos de cárcere imposta a un policía local por abusar sexualmente das dúas fillas da súa parella cando eran menores de idade.
Os feitos tiveron lugar entre 2004 e 2008, é dicir, cando estaba vixente o Código Penal de 1995 sen a reforma operada pola Lei Orgánica de 2010.
O procesado solicitou a rebaixa da pena tras a entrada en vigor da Lei Orgánica 10/2022 de Garantía Integral da Liberdade Sexual, coñecida como a do "só si é si", pero o tribunal conclúe que a nova redacción dos preceptos aplicables "conlevaría a imposición dunha pena privativa de liberdade superior á imposta", polo que decreta que non procede a revisión solicitada polo condenado.
O procesado foi sentenciado como autor de dous delitos continuados de abusos sexuais.
A sección cuarta tamén denegou a un condenado a doce anos de prisión por cometer un delito continuado de agresión sexual sobre a súa parella a revisión da pena que solicitou tras a entrada en vigor da Lei de "só si é si".
As maxistradas salientan que non ha lugar á rebaixa demandada porque os feitos, "coas circunstancias agravantes concorrentes -de parentesco e de xénero- e mantendo a vítima á data unha relación sentimental co acusado", a pena para impoñer coa nova lei sería, segundo o auto, de 15 anos, en lugar de doce, polo que, neste caso, non sería máis favorable ao reo.
O procesado, ademais de polo delito de agresión sexual, na sentenza emitida pola Audiencia Provincial de Pontevedra foi condenado por detención ilegal, lesións, malos tratos habituais e revelación de segredos.