A Audiencia fai oco e expurgará 22.000 expedientes xudiciais

Pontevedra
07 de febreiro 2015

Ata o momento, non se atopou ningún proceso do que os responsables do expurgo teñan concluído que ten valor histórico para a súa conservación no arquivo provincial, circunstancia que si se deu noutras localidades

Visita de Alfonso Rueda ao arquivo da Audiencia Provincial de Pontevedra
Visita de Alfonso Rueda ao arquivo da Audiencia Provincial de Pontevedra / PontevedraViva

Máis de 22.000 expedientes xudiciais agardan o seu futuro na Audiencia Provincial de Pontevedra. Permanecen almacenados en 1.023 caixas preparadas para que a Xunta de Expurgo decida sobre a súa conservación ou destrucción dentro do proceso iniciado no ano 2012 para o expurgo do arquivo da Audiencia Provincial.

Unha vez completada, a tarefa permitirá liberar espazo na sede xudicial mediante a eliminación definitiva dos expedientes que levan arquivados máis de cinco anos, conservar adecuadamente os documentos que teñen valor histórico e facilitar o acceso á documentación nos arquivos xudiciais. Ata o momento, non se atopou ningún proceso do que os responsables do expurgo teñan concluído que ten valor histórico para a súa conservación no arquivo provincial, circunstancia que si se deu noutras localidades.

Hai máis de dous anos a Xunta de Galicia puxo en marcha dúas experiencias piloto na Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza (TSXG) en A Coruña e nas Seccións Terceira e  Cuarta da Audiencia de Pontevedra e actualmente o proceso vai a bo ritmo, tal e como pudieron comprobar este venres in situ o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial para Galicia, Juan Manuel Fernández; e o presidente da Audiencia de Pontevedra, Francisco Javier Menéndez Estébanez.

A experiencia piloto coruñesa xa rematou coa eliminación de 12.235 expedientes e en Pontevedra o "arduo" traballo de expurgo xa deixou resultados visibles e beneficios constatables no edificio xudicial da rúa Rosalía de Castro. Xa están gravados 41.360 expedientes repartidos en máis de mil caixas e deixou dispoñibles un total de 120 metros lineais libres de estanterías que agora poderán ser destinadas a outros usos.

Ademais, o proceso que botou a andar en dúas seccións xa se ampliou ás demais e aos Xulgados da Parda, onde están preparados xa 3.179 expedientes de xuízos de faltas dos xulgados de instrución número 1, 2 e 3 para a valoración da Xunta de Expurgo. Paralelamente, na Fiscalía Provincial elimináronse 32 toneladas de papel.

Á vista destes datos, Rueda destacou na Audiencia que o plan de expurgo vai "a velocidad de crucero" e permite a "organización, modernización y limpieza de las instalaciones" a través dun proceso "racional,  organizado e integral". O vicepresidente valora que "no hay por qué guardarlo todo" e sitúa este traballo na modernización xudicial,  pois "sin un archivo organizado es muy difícil decir que se está modernizando la Administración de Justicia".

Mediante a labor de expurgo, lévase a cabo un inventario dos inxentes fondos documentais que gardan os xulgados galegos e determinará cales son dignos de se conservar polo seu interese histórico e cales se poden eliminar. Unha vez feito este traballo, só quedarán aqueles expedientes con menos de 5 anos, os que teñan especial interese ou os de valor documental, que pasarán a un arquivo histórico.

Así, unha vez gravados os expedientes na aplicación informática existente para este fin, procédese á realización dun estudo das series documentais e dos organismos produtores por parte do persoal técnico de arquivos e a súa remisión á Xunta de Expurgo, xunto cun informe da Consellería competente en materia de patrimonio documental.