A Audiencia pronúnciase de forma "rotunda e unánime" a favor do indulto de Ana e Tamara

Pontevedra
17 de xullo 2014

Dous informes favorables da Fiscalía Provincial de Pontevedra e a Sección Segunda da Audiencia avalan ante o Consello de Ministros a petición da medida de graza. As pontevedresas recoñecen "que temos que seguir tendo os pés na terra", pero "sen dúbida é importante por como se canaliza a situación"

Mercedes Milá consola ás traballadoras condenadas a 3 anos de prisión, Ana e Tamara
Mercedes Milá consola ás traballadoras condenadas a 3 anos de prisión, Ana e Tamara / Mónica Patxot

Dous informes favorables da Fiscalía Provincial de Pontevedra e a Sección Segunda da Audiencia avalan a petición de indulto das pontevedresas Ana Outerelo e Tamara Vidal e que, desta forma, non teñan que cumprir a pena a tres anos e un día de prisión á que foron condenadas pola súa participación nun piquete informativo durante a folga de instalacións deportivas do ano 2010.

Ambos os dous documentos apoian que o Consello de Ministros vote a favor da medida de graza para as traballadoras, pero o máis contundente é o da Audiencia, o mesmo tribunal que as condenou. Segundo a información difundida pola plataforma Change.org, o informe "pronúnciase de forma rotunda e unánime a favor do indulto solicitado".

A Audiencia modificou a sentenza inicial do Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra, que lles impoñía seis meses de prisión, e, ante o recurso da Fiscalía, elevou a condena a tres anos e un día. Ao respecto, o informe do que se fan eco os defensores da causa de Ana e Tamara explica que os maxistrados deste tribunal de instrución "se viron na obriga -polo erro cometido pola primeira xuíza- de aumentar a pena de 6 meses a 3 anos e medio e que se iniciaran dilixencias coa policía para ver se as acusadas tiñan antecedentes penais".

Pola súa banda, o informe da Fiscalía Provincial de Pontevedra que valorará o Consello de Ministros cando aborde este tema nas próximas semanas considera que "é procedente conceder a medida de graza solicitada de forma parcial".

Ana Outerelo e Tamara Vidal están condenados por un delito contra os dereitos dos traballadores por coacción á folga polo que xa recibiran unha orde de ingreso en prisión, pero esta se paralizou tan só tres días antes de que vencese o prazo, o 4 de xullo, á espera de que se resolva a petición de indulto.

 A Fiscalía informa o Consello de Ministros que "é procedente conceder a medida de graza solicitada de forma parcial"

En declaracións recollidas por Change.org, as propias traballadoras valoran que "para nós é un paso máis". Recoñecen que "temos que seguir tendo os pés na terra", pero "sen dúbida é importante por como se canaliza a situación, sobre todo tendo en conta as declaracións do Ministro Alberto Ruíz-Gallardón". Esas declaracións ás que se refiren realizounas o titular de Xustiza dende Milán o 9 de xullo, ao asegurar que iniciaran os expedientes correspondentes e que "cando teñamos todos os informes, estudaremos o asunto e adoptaremos unha decisión".

As dúas traballadoras (ningunha sindicada) sitúan este "paso máis" nunha "carreira de fondo que estamos levando". "Primeiro foi entregar as firmas no Ministerio de Xustiza para solicitar o indulto, despois foi a paralización da sentenza e agora acabamos de recibir estes informes que son favorables", valoran.

A petición de indulto está avalado por un contundente respaldo cidadán. O 2 de maio iniciouse unha petición na plataforma online Change.org que suma xa máis de 88.500 sinaturas. Nos próximos días enviarán ao Ministerio de Xustiza novamente as sinaturas conseguidas a través das plataforma e as 6.000 máis que conseguiron de forma física.