A Audiencia xulgará dous homes acusados de abusos sexuais a unha persoa con discapacidade psíquica

Pontevedra
04 de xullo 2015

Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, os acusados son dous homes, un como autor material da agresión e outro como cooperador necesario, de abusar sexualmente dun discapacitado. Estes feitos terían sucedido en xuño do ano 2013

Audiencia Provincial de Pontevedra
Audiencia Provincial de Pontevedra / Mónica Patxot

A Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra sinalou para o próximo xoves día 9 un xuízo por un delito de abuso sexual. Trátase dun caso que procede do Xulgado numero un de Caldas.

Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, os acusados son dous homes, un como autor material da agresión e outro como cooperador necesario, de abusar sexualmente dunha persoa con discapacidade. Estes feitos terían sucedido en xuño do ano 2013.

O escrito de acusación da Fiscalía de Pontevedra indícase que a presunta vítima é "un home que padece un atraso mental grave que lle impide comprender a licitude ou a ilicitude de certos actos", e o representante do Ministerio Público recorda que esta circunstancia "anula totalmente a súa capacidade para consentir unha relación sexual".

O fiscal pide seis anos de prisión para un e catro para o outro, ademais dunha pena de afastamento ou de prohibición de aproximación á vítima a unha distancia inferior aos 50 metros e a pena de prohibición de comunicación dos procesados coa vítima por calquera medio por un período de tempo de 16 anos.

XUÍZO POR ESTAFA

Esta mesma Sección da Audiencia fixou para o martes un xuízo por un delito de estafa, se ben todo parece indicar que a Fiscalía e o avogado da defensa alcanzaron un acordo de conformidade para evitar a celebración da vista oral.

En principio, a Fiscalía acusa unha persoa de enganar a unha parella coa venda dun piso na zona urbana da Estrada que en realidade non estaba libre de cargas, polo que a operación non era viable. O Ministerio Público pide que sexa condenado a catro anos de prisión e ao pagamento dunha multa de dez meses a razón de 12 euros diarios.

TRÁFICO DE DROGAS

Igualmente espérase a celebración doutro xuízo por tráfico de drogas. Xulgarase o camareiro dun bar de Ribadumia acusado de vender cocaína e marihuana aos clientes. O fiscal pide que sexa condenado a sete anos de prisión. É un caso que procede do xulgado número 4 de Cambados.