A ausencia de limitación de aforo no transporte marítimo xera queixas entre viaxeiros a Ons

Bueu
30 de xullo 2020

Durante a última fin de semana usuarios do transporte marítimo á Illa de Ons queixáronse da imposibilidade de gardar distancias de seguridade xa que viaxaban no barco coa capacidade completa

Illa de Ons PontevedraViva

Do mesmo xeito que sucede entre viaxeiros de transporte terrestre ou aéreo, o medio marítimo tamén é obxecto de queixas entre usuarios que realizan os seus traxectos sen posibilidade de manter as distancias de seguridade nesta conxuntura pandémica, xa que a capacidade dos transportes vai ao completo. É o que sucedeu a pasada fin de semana entre usuarios da Navieira Nabia que se desprazaban ata a Illa de Ons.

Trasladaron as súas queixas ás redes sociais ante a incomprensión de ter que "viaxar pegados" sen que houbese asentos baleiros para manter as distancias de seguridade que recomendan as autoridades sanitarias. Esta situación responde, como indican desde o departamento de calidade de Nabia a que "no transporte terrestre e o marítimo está permitido por Decreto a ocupación do cento por cento do aforo. No mar, onde a normativa é moi estrita, o patrón xamais permite superar esa capacidade. E é obrigatorio o uso de máscara".

Ante estas queixas engaden que "podemos entender a súa interpretación: como imos manter a distancia de seguridade se o barco vai completo?, pois para iso está a máscara. O goberno contemplouno así e nós acatámolo". O barco ten unha capacidade para 250 persoas ás que se engaden outras catro pertencentes á tripulación.

A obrigatoriedade de manter a distancia de seguridade interpersoal, si se establece fóra do barco: despacho de billetes, o embarque e desembarque, ... a tales efectos a empresa ten unha persoa en cada peirao, como lles marca Capitanía Marítima, aínda que tamén apelan á responsabilidade de cada persoa e cada grupo durante a mobilidade nestes tránsitos. 

En canto ao uso das máscaras, o persoal está pendente de que se cumpra e "os propios pasaxeiros indícannos se hai persoas que poidan incumprir o seu uso"; unha circunstancia que ratifica un dos pasaxeiros, apuntando que a tripulación tivo que chamar a atención a algunhas persoas que a levaban retirada "porque estaban a consumir unhas cervexas" e aínda que non se contempla a prohibicón para comer e beber no barco, si a de retirarse a máscara, polo que resulta inviable inxerir nada.

Outra das queixas manifestada por usuarios destas viaxes do pasado sábado 25 de xullo aludía a que "non vimos que o barco en que embarcamos de volta fixésese unha limpeza entre os que baixaban e os que subimos". A este respecto, desde a xerencia da navieira replican que "non podermos ter o barco parado media hora porque hai uns horarios de atracada autorizados que hai que cumprir. Por iso, conforme a pasaxe vai saíndo, vanse limpando os asentos con líquido higienizante. Cando todos saen, o normal é que todos os asentos estean limpos para a subida da seguinte pasaxe".

Desde a Consellería de Infraestructuras e Mobilidade reiteran o exposto: "Ao igual que acontece no transporte de viaxeiros en autobús, avión e tren, neste momento,  as embarcacións poden ocupar todas as súas prazas, aínda que é obrigatorio o uso de máscara por parte dos usuarios, entre outras medidas de prevención". E, en calquera caso "as empresas teñen a obriga do cumprimento das medidas de hixiene e protocolos implantadas por causa da COVID-19".