Este martes reuniuse a Xunta de portavoces do Concello de Pontevedra para preparar o próximos tres plenos municipais.
Como sucede cada 20 de xaneiro, festividade de san Sebastián, este sábado ás doce da mañá no Teatro Principal, haberá un pleno extraordinario para a aprobación dos Premios Cidade de Pontevedra e, unha hora despois, celebrarase o pleno de honra de entrega destes galardóns anuais que, nesta ocasión, entregaranse a Teresa Abelleira e Matriuska Produciones.
E o luns 22 de xaneiro será o pleno ordinario do mes de xaneiro que inclúe na orde do día o sorteo das mesas electorais para os comicios autonómicos do 18 de febreiro.
Á marxe doutras cuestións, na orde do día desta sesión plenaria figuran catro mocións políticas.
O Partido Socialista defenderá dúas destas iniciativas nas que piden, por unha banda, que o Concello de Pontevedra tome medidas en relación á "situación de inseguridade" que se vive en diversos puntos da cidade "debido ao consumo incontrolado de alcol, drogas e outras substancias adictivas na vía pública".
Refírense, especialmente, ás reiteradas queixas veciñais na rúa Augusto García Sánchez e barrio de Campolongo e tamén na Praza da Ferrería.
Ademais o PSOE presentou outra moción ante a chegada de pellets á costa na que, entre outras solicitudes, se pide á Xunta que "deixe de eludir responsabilidades" e proceda a poñer ao dispor dos concellos afectados todos os medios autonómicos necesarios para a retirada do material contaminante.
Tamén piden a creación de "un protocolo claro de actuación" para a retirada destes residuos de plástico e para a xestión posterior.
Pola súa banda, o grupo municipal do Partido Popular sobre as obras de construción da autovía A-57 na que se insta ao Goberno de España a que estude alternativas ao trazado proposto para o segundo tramo entre Marcon e Xeve.
Na outra moción os populares reclaman ao Concello que acometa diversas actuacións no barrio de San Roque.