A avaría nun transformador eléctrico deixa seis horas sen luz varías rúas na contorna da Praza de Touros

Pontevedra
15 de xaneiro 2021

A empresa Naturgy comunicou que se queimara un transformador e iso provocou que desde ás 23.20 horas deste xoves 14 de xaneiro ata as 05.53 deste venres quedaran sen enerxía eléctrica as rúas Víctor Said Armesto, Campo da Torre, Almirante Matos e Paseo de Colón

Paseo de Colón en Pontevedra
Paseo de Colón en Pontevedra / Mónica Patxot

As rúas Víctor Said Armesto, Campo da Torre, Almirante Matos e Paseo de Colón quedaban sen subministración de enerxía eléctrica durante esta noite do xoves ao venres debido a unha avaría nun transformador de enerxía.

Segundo a Policía Local de Pontevedra, a incidencia rexistrábase ao redor das 23.20 horas da noite deste xoves 14 e afectaba á contorna da Praza de Touros, no barrio de San Roque.

Desde a Xefatura da Policía Local alertábase á empresa subministradora do servizo, Naturgy, do apagamento. Segundo o departamento de comunicación da empresa, a avaría produciuse ao queimarse o transformador eléctrico por causas non determinadas.

Os operarios de Naturgy acudiron ata o lugar para restablecer o servizo e ao redor das 05.30 horas, segundo a información facilitada pola propia empresa, recuperábase a luz nas rúas afectadas pola avaría, que afectou a 740 clientes da compañía. Ao producirse en horario nocturno, non se rexistraron maiores incidencias por este novo apagamento eléctrico na cidade.