A Axencia Tributaria prevé devolver aos pontevedreses 126 millóns na campaña da renda 2020

Pontevedra
07 de abril 2021

A Axencia Tributaria puxo en marcha este mércores a campaña do IRPF 2020, na que prevé que se presenten  267.797 declaracións en Pontevedra, un 1,2% máis. Prevese que a maioría dean dereito a devolución, un total de 176.748, aínda que son un 3% menos que en ano anterior 

Sede da Axencia Tributaria en Pontevedra
Sede da Axencia Tributaria en Pontevedra / Mónica Patxot

A Axencia Tributaria puxo en marcha este mércores a campaña do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF). 2020, na que prevé devolver 126 millóns de euros aos contribuíntes da zona de Pontevedra. Esta estimación supón unha devolución un 3% inferior á campaña de 2019

A previsión é que se presenten 267.797 declaracións na delegación de Pontevedra. Haberá un 1,2% máis contribuíntes pontevedreses que presenten declaración. 

Desas declaracións, prevese que a maioría dean dereito a devolución, un total de 176.748, aínda que son un 3% menos que en ano anterior. Ademais, haberá 69.220 contribuíntes que conten con declaracións a ingresar (un 7% máis, por importe de 104millóns), non realizarán os primeiros pagos ata o final da campaña.

Segundo eses cálculos, en Pontevedra, a maior parte das declaracións serán individuais, un total de 227.226, un 2,9% máis que hai un ano. Haberá 40.571 conxuntas, un 7,1% menos, segundo os datos facilitados pola Delegación Especial en Galicia da AEAT.

En España, está previsto que se presenten 21.570.000 declaracións, un 2,1% máis que o ano anterior. Dese total, prevese que 14.330.000 dean dereito a devolución, dous terzos do total e un 1% menos que o ano anterior, por un importe estimado de 10.857 millóns de euros. Aqueles contribuíntes que conten con declaracións a ingresar (preto de 5.960.000, un 5,7% máis, por importe de 12.976 millóns), non realizarán os primeiros pagos ata o final da campaña.

Este mércores abriuse o prazo para confirmar ou modificar e presentar por internet a declaración do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas correspondente a 2020 (IRPF 2020). As devolucións iniciaranse en 48 horas, o vindeiro venres. 

A Axencia deseñou a campaña que arrinca agora cun reforzo da asistencia personalizada para dous colectivos que poden requirir unha axuda singular nestes momentos: os afectados por regulacións temporais de emprego ( ERTEs) e os perceptores do Ingreso Mínimo Vital ( IMV). Á súa vez, e como vía de facilitación de liquidez, establécese unha opción de fraccionamento en seis meses sen intereses para contribuíntes en  ERTE con resultado da declaración para ingresar.

A campaña tamén conta con melloras que facilitan a presentación da declaración a contribuíntes con actividades económicas en réxime de estimación directa e obxectiva,  arrendadores e investidores.

O prazo de presentación finaliza o 30 de xuño para declaracións tanto a ingresar como a devolver, aínda que o prazo nas declaracións para ingresar con domiciliación bancaria concluirá o 25 de xuño. 

A atención telefónica para a confección e presentación de declaracións (plan ‘Chamámoslle’) comeza o 6 de maio, con solicitude de cita a partir do 4 de maio, e a atención presencial en oficinas iníciase o 2 de xuño (seis días antes que o ano pasado), con solicitude de cita a partir do 27 de maio. A atención personalizada, por teléfono e en oficinas, seguirá contando co apoio de CCAA e concellos.