A banda de música de Marín trasládase oficialmente á Nosa Señora do Carme

Marín
22 de setembro 2022

O Concello recibiu xa a resolución favorable da Xunta de Galicia para usar a antiga escola infantil como un espazo de educación musical para a Banda de Música

Visita ao centro de Nosa Señora do Carme
Visita ao centro de Nosa Señora do Carme / Concello de Marín

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, informou este xoves de que a Consellería de Educación resolveu favorablemente que o local da antiga EEI Nosa Señora do Carme poida ser utilizado como centro de educación musical por parte da Banda de Música de Marín, Musimarín, despois de que se trasladase a unidade de Educación Infantil ao CEP Sequelo, centro que está a uns metros do Nosa Señora.

A rexedora acompañou aos membros da directiva da asociación a unha visita ás instalacións, para que puideran ver o seu mellor aproveitamento de cara instalar nelas a súa actividade, que actualmente estaba a realizarse no CEIP da Laxe.

"Tanto eles coma nós sabemos que a banda gaña con este cambio, xa que é moito máis espacioso e xa ten unha disposición pensada para a docencia", explicou Ramallo.

"Coa gran cantidade de alumnado que teñen. aquí poderán levar adiante ensaios de distintos instrumentos simultáneamente, ofrecendo unha moi boa oferta de estudos", engadiu a rexedora.

Desde Musimarín, mostraron a súa satisfacción por poder utilizar este inmoble e agradeceron ao colexio da Laxe a súa disposición ata o de agora para acoller a súa actividade.