Para o Exército de Terra a base Xeneral Morillo, sede a Brilat en Pontevedra, é o mellor cuartel militar do ano. As instalacións foron recoñecidas co Premio Sistema de Acuartelamento, fallado recentemente en Madrid.
Así o determinaron os asistentes á reunión de mandos da estrutura da Inspección Xeral do Exército, celebrada no Palacio dos Consellos de Madrid.
O premio, de carácter anual, instaurouse en 2016 co fin de fomentar, nas instalacións e nas unidades nelas aloxadas, o traballo constante na mellora da calidade de vida, eficiencia enerxética e ambiental, prevención de riscos laborais e seguridade, mantemento das infraestruturas e na práctica da boa praxe.
Estes obxectivos constitúen os criterios valorados polo xurado para a concesión do premio.
Todos eles estúdanse por medio de varias enquisas de satisfacción aos usuarios, o parecer do chanzo superior das bases, valorando as iniciativas tomadas para a mellora do cuartel ou o nivel de ocupación e a antigüidade dos acuartelamentos, entre outros indicadores relacionados cos custos e a eficiencia dos investimentos realizados cada ano.
Nesta segunda edición, a base pontevedresa fíxose acredora do premio polo seu compromiso cos criterios mencionados e polo constante traballo demostrado ao longo de 2017 na mellora das condicións de vida e traballo do persoal que ocupa a base.