A Batalla de Flores obriga a establecer restricións de tráfico

Pontevedra
16 de agosto 2022

O goberno local de Pontevedra establece zonas de prohibición de estacionar e circular ao longo da tarde do xoves 18 con motivo desta tradicional celebración e ofrece información das zonas de acceso ás urxencias do Hospital Provincial e ao Hospital Quirón Salud

Zona de concentración de carrozas da Batalla de Flores
Zona de concentración de carrozas da Batalla de Flores / Concello de Pontevedra

Co regreso da Batalla de Flores ás rúas do centro da cidade, o goberno local establece unha serie de medidas restritivas para a circulación e estacionamento durante a xornada do xoves.

As rúas afectadas son a avenida de Lugo, entre Avenida Virxinia Pereira e Loureiro Crespo; San Mauro, entre a avenida Virxinia Pereira e Loureiro Crespo; a rúa Loureiro Crespo; Benito Corbal; Cobián Roffignac; Padre Amoedo e a avenida de Bos Aires, entre a ponte de Santiago e a ponte dos Tirantes con restricións só circulatorias ao termo da cabalgata.

Nun tramo das rúas avenida de Lugo e San Mauro non se poderá aparcar a partir das 13.30 horas do xoves 18 e prohibirase a circulación e o acceso á saída dos garaxes a partir das 16.00 horas. Nesta contorna atópase o aparcamento do supermercado Mercadona, que deberá quedar baleiro de vehículos ás 16.00 horas desa mesma xornada.

Para acceder a urxencias do Hospital Provincial haberá que percorrer San Antoniño, Gonzalo Gallas e Loureiro Crespo. Para aproximarse ás urxencias do Hospital Quirón Saúde Miguel Domínguez, o acceso deberá efectuarse a través de Andrés Mellado, Sagasta (en sentido contrario) e Castelao.

A Batalla de Flores ofrece o seguinte percorrido este ano: inicíase en Loureiro Crespo para continuar por Benito Corbal; Cobián Roffignac; e Padre Amoedo. O comezo está previsto ás 19.00 horas.