A Boa Vila celebra a G-Night con paseos científicos e relatorios en bares

Pontevedra
19 de setembro 2023

A terceira edición da Noite Galega das Persoas investigadoras contará con preto de 50 actividades de divulgación, lecer e entretemento científico baixo o lema ‘Conciencias Creativas’

Noite Galega das Persoas Investigadoras (G-Night), noite de ciencia en La Gramola Universidade de Vigo

A G-Night volverá encher de ciencia as rúas, museos e bares galegos o vindeiro 29 de setembro. 

A terceira edición da Noite Galega das Persoas investigadoras contará con preto de 50 actividades de divulgación, lecer e entretemento científico baixo o lema ‘Conciencias Creativas’. 

Os obradoiros, paseos, visitas guiadas, charlas e espectáculos gratuítos terán lugar nunha vintena de localizacións, espalladas polas sete principais cidades galegas: Pontevedra, Vigo, Ourense, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo.

En Pontevedra, baixo título "Repensar a economía: desaprender para transformar", a cita será ás 19.00 horas na cervexería Nasa, da man de Ecobas e o PostGrowth Innovation Lab. 

A idea é realizar obradoiros participativos que sinalen os límites e as oportunidades da economía nun mundo en crise para, a continuación, ás 20.30 horas, realizar un paseo investigador onde se empregará a cartografía participativa para identificar sementes doutro tipo de economía e de ciencia económica. Para esta actividade é preciso reservar praza.

Ademais, en Pontevedra, o Programa Universitario de Maiores ofrecerá un paseo científico polo río Gafos en horario de mañá, no que as persoas participantes terán a oportunidade de observar e diferenciar os diferentes liques que medran nas árbores e aprender sobre a súa importancia como bioindicadores. Esta saída terá unha duración de dúas horas cun límite de 20 prazas e é preciso rexistrarse para participar.