A brigada de obras de Bueu está a traballar no parque da Chadiza, os areais e a contorna do lavadoiro da Portela

Bueu
29 de marzo 2022

O Concello de Bueu tamén comezou esta semana coa renovación dos xogos deteriorados no parque da Barraca, na parroquia de Cela

Limpeza do lavadoiro da Portela
Limpeza do lavadoiro da Portela / Concello de Bueu

O Concello de Bueu comezou esta semana coa renovación dos xogos deteriorados no parque da Barraca, na parroquia de Cela. Segundo salienta o alcalde Félix Juncal, que tamén é o encargado da área de obras e servizos, unha empresa especializada está revisando o estado das diversas máquinas lúdicas para avaliar as que se poden reparar e as que é preciso substituír. 

Estes traballos forman parte do plan de mantemento dos espazos públicos municipais en todas as parroquias, e por iso se irán acometendo revisións constantes.

De cara á tempada de Semana Santa e verán continuará nas próximas semanas e de forma ininterrompida o plan de mantemento que comezou xa hai días e que permitirá actuar en diversas zonas.

Así, actualmente o persoal da brigada de obras e servizos atópase no lavadoiro de A Portela, onde se realiza unha limpeza da contorna, e tamén se comezou coa limpeza e roza dos accesos a algúns areais con tractor e medios mecánicos, e de parques como o da Chadiza, na parroquia de Beluso.

Sobre o avance do plan, Juncal salienta que este xoves programarase unha limpeza mecanizada dos areais urbanos.

A brigada de xardinería está ultimando a preparación dos espazos nos que se plantarán flores ornamentais na próxima semana, cando tamén se comezará cos traballos de baldeo e decapado dos espazos urbanos, que este ano se realizarán cunha máquina propia adquirida polo Concello, e que permitirá incrementar as zonas.