A Brigada Galicia VII, Brilat, non ten actualmente ningunha misión internacional no horizonte, pero continúa coa súa preparación tanto para posteriores despregamentos como para formar parte da estrutura de forzas militares asignadas a Nato Readiness Initiative (NRI) da OTAN.
Así o lembrou este mércores o responsable da Brigada, o xeneral de brigada Alfonso Pardo de Santayana Galbis, que, tras catro meses no cargo, está "encantado" coa unidade e con Pontevedra e avanza que están "inmersos en un año de preparación".
Os militares da Brigada están a se preparar "para lo que nos ordenen", pero sen saber que será, pois, tal e como destaca o xeneral, o escenario internacional actual é "muy abierto", "muy cambiante" e "muy complejo".
O Exército español ten actualmente operacións en África "en entredicho" e a Unión Europea está a se retirar de Malí, de modo que non existe un calendario preestablecido de misións. A dous anos vistas poden ter por diante misións en Líbano ou Malí, pero matiza que "no tengo ni idea de si van a seguir estas misiones en curso o si nos van a tocar a nosotros o no".
Nun escenario "cada vez más complejo" os ciclos de rotacións nas misións estables de anos atrás agora son auga pasada e "lo que hay que hacer es tener a la gente preparada para hacer lo que tenemos que hacer y ya está".
O mellor activo da Brilat é, "sin duda", a súa xente e prepáranse de forma constante para estar en condicións de cando lles asignen unha misión poidan cumprila "de la mejor maneia posible".
O xeneral realizou estas valoracións aos medios de comunicación este mércores con motivo da parada militar organizada na base General Morillo da Brilat para conmemorar o 57 aniversario da Brigada.
Durante o seu discurso, insistiu en que o "orgullo" da Brigada aséntase na súa "búsqueda constante de la excelencia", entendida como a capacidade de saber exercer a profesión das armas e cumprir a misión asignada con eficacia e afán de superación.
Isto implica posuír uns coñecementos actualizados e usalos convenientemente no momento oportuno, aproveitando todos os recursos dispoñibles. Para poder estar orgullosos, lembrou que deben estar "moral, física, intelectual y técnicamente preparados para ser eficientes cada día", adaptándose á evolución constante da sociedade e do Exército. Por iso, a súa preparación debe ser constante.
Como exemplo da importancia desa preparación e do prestixio da Brigada, mencionou operacións en territorio nacional Balmis ou Baluarte, realizadas durante a pandemia, e tamén os despregamentos anuais na operación 'Centinela Gallego' e as súas operacións no exterior, nas que presume de que se gañou un merecido prestixio, "llevando orgullosamente el nombre de Galicia por todo el mundo, desde los Balcanes, a las lejanas tierras de Irak, Afganistán o Malí".
Dentro desa preparación constante, unha parte da brigada non puido acudir a esta parada militar porque está a realizar un exercicio de preparación do continxente encadrado na Nato Readiness Initiative no centro de adestramento de San Gregorio. Ao redor de 800 militares de diferentes unidades da Brigada desprazáronse a este campo de manobras de Zaragoza para participar nunhas manobras preparatorias.