A Brilat regresará de Mali de xeito inminente

Pontevedra
29 de abril 2015

Fontes militares confirmaron este mércores que ese regreso se producirá nos próximos días. Os militares, ao redor de 110, regresarán a España en dúas rotacións diferentes para as que aínda non se fixo pública a data, pero que en todo caso non será antes do 8 de maio

Despedida dos militares que a Brilat manda en misión a Mali
Despedida dos militares que a Brilat manda en misión a Mali

O continxente da Brigada de Infantaría Lixeira Aerotransportable (Brilat) que está a realizar a Misión de Adestramento da Unión Europea (EUTM) en Malí regresará á casa de forma inminente. Fontes militares confirmaron este mércores que ese regreso se producirá nos próximos días.

Os militares, ao redor de 110, regresarán a España en dúas rotacións diferentes para as que aínda non se fixo pública a data, pero que en todo caso non será antes do 8 de maio, segundo sinalaron as mesmas fontes.

Os efectivos da Brigada conformaron o quinto continxente da misión española en Malí. A misión está estruturada nunha Compañía de Protección da Forza xerada sobre a base da segunda Compañía do Batallón Zamora, pertencente ao Rexemento de Infantaría Isabel la Católica 29, e nun Equipo de Instrutores de Apoios de Lume, no que se encadran oficiais e suboficiais do Grupo de Artillaría de Campaña VII e do Rexemento Isabel la Católica 29.

Este regreso inminente dos efectivos da Brilat implica o despregamento do sexto continxente español da EUTM en Malí, formado sobre a base do Rexemento de Infantaría Lixeira (RIL) Soria 9, que xa realizou un acto de despedida antes de partir a zona de operacións o 24 de abril no acuartelamento Puerto del Rosario de Fuerteventura.

Os soldados están despregados dende o mes de novembro na capital de Mali, Bamako, e na localidade de Koulikoro, unha pequena e tradicional localidade situada na ribeira oeste do río Níxer, a 60 quilómetros da capital maliense. O obxectivo da misión que asumiu a Brigada é apoiar ás forzas armadas de Mali mediante o asesoramento nos ámbitos do mando e control, da loxística, dos recursos humanos e do dereito humanitario internacional, ademais do adestramento das unidades de combate malienses para que alcancen a capacidade suficiente que lles permita actuar, de forma autónoma, fronte á ameaza yihadista do norte do país.

Dende o inicio da misión, a estratexia militar de EUTM Mali foi contribuír á restauración da capacidade militar das forzas armadas malienses, que é o factor determinante para alcanzar o "estado final desexado" segundo o plan europeo. España é, xunto con Francia, o país europeo que realiza un maior esforzo pola estabilidade de Mali.