A Brilat transfire o mando da misión de Afganistán

Pontevedra
25 de marzo 2015

O venres 20 de marzo celebrouse o acto de transferencia de autoridade. Tras ese acto, que simbolizou o traspaso do mando dun a outro, os últimos militares da Brilat que quedaban en Afganistán emprenderon o regreso á casa e está previsto que este mércores 25 de marzo se produza o regreso do terceiro e último voo de soldados procedente do país asiático

Acto de transferencia de autoridade da base de Herat na misión de Afganistán
Acto de transferencia de autoridade da base de Herat na misión de Afganistán

A Brigada de Infantaría Lixeira (Brilat) deixou de estar ao mando da misión do exército español en Afganistán. A seguridade da base e do aeroporto de Herat xa non está en mans do batallón Zamora da Brigada con sede en Figueirido, senón que a asumiu o Grupo Táctico Fuerteventura.

Segundo informa o Exército de Terra, o venres 20 de marzo celebrouse o acto de transferencia de autoridade. O xefe da misión de apoio e asesoramento aos mandos militares afgáns no sector oeste, o xeneral italiano Michele Risi, depositou a bandeira da OTAN que lle entregou o xefe saínte, o tenente coronel Manuel J. De Diego, ao novo xefe, o tenente coronel Juan A. Bote.

Tras ese acto, que simbolizou o traspaso do mando dun a outro, os últimos militares da Brilat que quedaban en Afganistán emprenderon o regreso á casa e está previsto que este mércores 25 de marzo se produza o regreso do terceiro e último voo de soldados procedente do país asiático.

O Fuerteventura (integrado maioritariamente por persoal do Rexemento Soria número 9) tomou o relevo para desenvolver as mesmas tarefas que nos últimos catro meses veu executando o Grupo Táctico Zamora, formado sobre a base do Rexemento Isabel La Católica 29. A misión a Alianza Atlántica que desenvolven foi bautizada como Resolute Support.

Os seus labores fundamentais son proporcionar a seguridade inmediata e próxima á base de Camp Area, na que conviven con militares e civís de múltiples nacionalidades, realizando tarefas propias dunha unidade de protección da forza.