A caída dunha árbore provoca un corte de tráfico na avenida de Bos Aires

Pontevedra
07 de decembro 2023

A Policía Local de Pontevedra cortaba o tráfico na mañá deste xoves nesta vía durante 45 minutos mentres os bombeiros traballaban, na contorna da praia fluvial, na retirada da árbore

Os bombeiros retiraron a árbore da vía Mónica Patxot

Na mañá deste xoves 7 de decembro, como consecuencia do vento e as chuvias, desprendíase unha árbore na avenida de Bos Aires, na contorna da praia fluvial do río Lérez.

A árbore provocou o bloqueo nos dous carrís de circulación desta vía de acceso ao barrio de Monte Porreiro, segundo informa o Concello de Pontevedra.

Foi necesario que axentes da Policía Local cortasen o tráfico nos extremos desta avenida.

Ao longo de 45 minutos, os bombeiros tiveron que cortar a árbore e retirala da zona en que afectaba á vía. 

Ao redor das 11.30 horas, a avenida de Bos Aires quedaba liberada e aberta á circulación.