Veciños de varios lugares da parroquia de Marcón, entre eles Pintos, Sabarís, Pazos e Valadadres, permaneceron durante catro horas da mañá deste luns sen subministración eléctrica debida a unha avaría que fontes da empresa subministradora atribúen á caída dunha árbore.
A incidencia chegou a deixar sen luz a 372 fogares de Marcón, aínda que durante a maior parte do tempo que durou o corte os fogares clientes afectados foron, segundo indican desde a empresa, 336.
Fontes oficiais de Naturgy indicaron a PontevedraViva que a causa da avaría foi a caída dunha árbore sobre a liña que fornece electricidade a todas estas vivendas. Produciuse durante unha talla que estaban a realizar persoas alleas á empresa.
O corte na subministración rexistrouse oficialmente ás 9.50 horas deste luns e fontes veciñais confirmaron que quedou resolto uns minutos antes das 14.00 horas, de modo que se prolongou durante ao redor de catro horas.
Operarios traballaron durante toda a mañá para a retirada da árbore que afectaba ao tendido eléctrico e imposibilitada que se puidese recuperar a subministración.