A calidade do aire de Pontevedra cumpre nun 99,9% as directrices da OMS

Pontevedra
28 de xaneiro 2021

En canto ao ciclo da auga, destaca o baixo consumo por habitante, a alta calidade da auga da billa, o 99,1% de rede separativa e o alto grao de satisfacción da poboación co servizo, segundo o observatorio do Efecto PO2

Ceos con nubes e claros en Pontevedra
Ceos con nubes e claros en Pontevedra / Mónica Patxot

A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, presentou este xoves os primeiros datos do Observatorio PO2 relativos a dúas áreas de estudo: o aproveitamento dos recursos hídricos e a calidade do aire na cidade de Pontevedra.

En ambos campos hai, en palabras da concelleira, "resultados francamente moi positivos e moi alentadores" sobre os efectos do modelo urbano de Pontevedra tanto para a calidade de vida das persoas como para o medio ambiente.

O Observatorio PO2 enmárcase no Observatorio Urbano de Pontevedra, un traballo que se realiza en colaboración co grupo de investigación G4+, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, da Universidade de Vigo, encabezado polo profesor Pedro Figueroa.

Estes resultados corresponden ao ano 2019, que foi o ano analizado durante o exercicio 2020.

O investigador Daniel Gallego asegurou que Pontevedra, no relativo á calidade do aire, ten un grao de cumprimento coas directrices da Organización Mundial da Saúde (OMS) que se sitúa entre o 99,9% e o 100%.

Nas medicións da calidade do aire, explicou que existen ademais outras dúas fórmulas de medición activas actualmente. Segundo as metodoloxía aplicada por Meteogalicia, Pontevedra tivo, ao longo de 2019, o 86,85% de días con calidade do aire moi boa. Mentres, que segundo o índice de calidade do aire da Unión Europea, Pontevedra tivo o 71,1% dos días de calidade do aire boa (que esta metodoloxía denomina 'moderada').

En todo caso, non se rexistrou ningún día en todo o ano ningún día no que a calidade do aire fose pouco saudable ou perigosa.

En canto á contaminación acústica, Daniel Gallego salientou que de media os valores se sitúan por debaixo dos 40 decibelios e asegurou que poucos lugares de Galicia se sitúan por debaixo dese valor.

CICLO DA AUGA

Pedro Figueroa salientou o esforzo realizado en todos os eidos, incluídos os investimentos, para a mellora do ciclo así como a boa calidade da auga da billa de Pontevedra. Así, apréciase un incremento da poboación que consume auga da billa, pasando do 36% de 2017 ao 49% en 2019. Este incremento débese, segundo explicou o profesor, "a la buena calidad del agua, que es de muy débil mineralización y muy similar al agua embotellada".

Dos indicadores relativos á calidade e eficiencia do ciclo da auga, Pedro Figueroa tamén salientou a capacidade de subministro de auga: os puntos de captación (encoro do Pontillón e río Lérez) non presentan ningún problema de abastecemento e só tres días no ano 2019 se baixou do caudal mínimo do bombeo e nunca se baixou do caudal ecolóxico.

Tamén destacou o consumo por habitante que se sitúa en 114 litros por persoa ao día, o que supón unha redución do 3,6% nos últimos tres anos e 24 litros menos que a media galega. En canto ao abastecemento, o 83,7% da poboación conta con acceso á rede municipal e a cidade conta cun 99,1% de rede serparativa e o 95,2% da poboación conta con acceso á rede municipal de sumidoiros.

Tanto no caso do abastecemento como do saneamento, os prezos mantivéronse sen cambios nos útlimos tres anos analizados. Ademáis a porcentaxe de queixas recibidas é "ínfima" (o 4,4%) e a puntuación do grao de satisfacción cos servizos relativos ao ciclo da auga sitúase en 7,3 (onde a máxima puntuación é 10).