A calidade global da EDAR de Bueu "é aceptable"

Bueu
20 de febreiro 2022

A Estación Depuradora de Augas Residuais Urbanas (EDAR) de Bueu cumpre, segundo explicaron desde o Concello, "coas esixencias da Directiva 91/271/CEE". Isto é que "a calidade global é aceptable"

Instalacións da EDAR de Bueu
Instalacións da EDAR de Bueu

A Estación Depuradora de Augas Residuais Urbanas (EDAR) de Bueu cumpre, segundo explicaron desde o Concello, "coas esixencias da Directiva 91/271/CEE". Isto é que "a calidade global é aceptable". 

O Concello de Bueu recibiu este venres o informe de Augas de Galicia no que se informa que a EDAR cumpre coa normativa e esixencias e ten "o equipo de desinfección apagado".

Neste informe, Augas de Galicia tamén establece como recomendacións poñer en funcionamento o equipo de desinfección UV, así como a mellora da aireación do reactor biolóxico e dos niveis de nitróxeno.

Con estes resultados, o Concello de Bueu mostra a súa "tranquilidade en canto ao funcionamento correcto deste servizo aínda que sempre é posible mellorar. Por iso trasladaremos este escrito á empresa concesionaria do servizo de abastecemento e saneamento da auga para que se apliquen as melloras recomendadas", apunta Félix Juncal, alcalde da vila.

Así mesmo, destaca que "o Concello mantén sempre unha actitude de alerta e de verificación do funcionamento das instalacións municipais de abastecemento e saneamento, co obxectivo de garantir que as incidencias que se poidan producir ocasionen o menor impacto posible nas augas da nosa ría e nos espazos naturais".

Doutra banda, explican desde o Concello que recibiron a confirmación de que Augas de Galicia realizará labores de mantemento na canle fluvial do Rego da Pena. Neste sentido, o alcalde mostrouse satisfeito porque "tiveran en conta as continuas peticións do goberno local nos últimos anos, e "confiamos en que estes traballos se fagan extensivos ao resto de canles da súa competencia".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora