A campaña de sinaturas para reactivar o rescate dos corpos segue sumando apoios

Marín
19 de febreiro 2022

Esta iniciativa, que se puxo en marcha a través de Change. org, reclama que as administracións públicas reactiven a procura dos doce tripulantes que continúan desaparecidos tras o naufraxio do arrastreiro galego

Porto de Marín
Porto de Marín / Mónica Patxot

A campaña de recollida de sinaturas impulsada polos familiares dos mariñeiros do Villa de Pitanxo, o barco que naufragou o pasado martes en Terranova (Canadá), ás sete da mañá deste sábado xa suma 48.500 apoios dende a súa posta en marcha este venres.

Esta iniciativa, que se puxo en marcha a través de Change.org, reclama que as administracións públicas reactiven a procura dos doce tripulantes que continúan desaparecidos tras o naufraxio do arrastreiro galego.

Os familiares lembran que este operativo de procura só durou 37 horas, polo que solicitan que os cidadáns insten a Canadá coa súa firma para que continúen os rastreos.

Ademais, piden que España participe "activamente" no rescate con medios "alleos ou propios" e que busque "de maneira urxente" outras vías para "enviar ou subcontratar" barcos, avións ou demais integrantes do operativo de procura.

"Os nosos pais, irmáns, fillos e maridos teñen dereito a ser buscados", sinalan os familiares na petición que acompaña a esta campaña de recollida de firmas, na que insisten en que "temos que axudarlles a volver a casa".