A campaña de verán remata con oito falecidos nas estradas da provincia

Pontevedra
08 de setembro 2020

As autoridades mostran a súa preocupación polo incremento de vítimas entre os condutores de motocicletas, por iso piden prudencia aos usuarios ao mesmo tempo que incrementan a súa presenza e controis nas vías

Accidente múltiple no Concello de Portas
Accidente múltiple no Concello de Portas / Servizo de Emerxencias de Cuntis

A subdelegada do goberno en Pontevedra, Maica Larriba, compareceu este martes en rolda de prensa para informar sobre os resultados da campaña de tráfico na provincia durante os meses de xullo e agosto que se saldaron con oito falecidos, cinco máis que no mesmo período do ano anterior.

Acompañada pola directora provincial da DXT, Paula Yubero; e o capitán do subsector de Tráfico da Guardia Civil, Antonio Pérez; Larriba puntualizou que todos os sinistros se produciron en vías convencionais e que o de xullo foi o més máis tráxico con seis mortes. As vítimas foron, na súa maioría, persoas vulnerables como un peón, o condutor dun ciclomotor e dous motoristas.

"Estamos preocupados e pedimos prudencia", señadó Antonio Pérez respecto do repunte de accidentes de motocicleta como o ocorrido o pasado domingo en Cotobade e que, por razóns técnicas, non está incluído nas estatísticas feitas públicas este martes pola Subdelegación.

Co obxectivo de reducir este tipo de accidentes, a Guardia Civil está a incrementar a súa presenza nas estradas, o número de radares e tamén os controis relacionados coa limitación de potencia destes vehículos.

A metade dos sinistros con vítimas mortais na provincia ocorreron por unha colisión frontal, mentres que o 25% restante debeuse a saídas de vía. Ademais, a provincia rexistrou o 50 % dos accidentes con persoas falecidas ocorridos durante os meses de verán en Galicia. Aínda que deben analizar con maior profundidade os datos, apuntan desde a Subdelegación que o exceso de velocidade e a condución temeraria están detrás da maior parte destes sucesos.

Rematou a comparecencia Larriba repasando os datos do 2020 e comparándoos co mesmo período do ano anterior. "Co estado de alarma de produciu un descenso do número de accidentes, caeron un 32 % con respecto ao 2019", declarou a subdelegada chegando a precisar que, "a nivel estatístico", os datos son "bos". Con todo, lamentou que co fin das restricións á mobilidade das persoas o número de accidentes disparouse.