A campaña #PrimAcoso dá pé a un estudo pioneiro

Pontevedra
25 de xuño 2018

As conclusións presentaranse dentro dos actos do 25N. Este luns, as súas responsables adiantaron que o abuso sexual infantil amósase como a situación maioritaria en canto á primeira experiencia de violencia sexual vivida.

María Lameiras e Carmen Fouces
María Lameiras e Carmen Fouces / Mónica Patxot

As preto de 4.000 publicacións en Twitter e Facebook que denunciaron a primeira experiencia de acoso e violencia sexual que sufriran, no marco da campaña #PrimAcoso, actualmente están a ser analizadas polo grupo de investigación Saúde, sexualidade e xénero.

A coordinadora deste estudo pioneiro é a profesora da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense María Lameiras, que examina o uso destas redes como plataformas nas que identificar e visibilizar este tipo de violencias.

As conclusións do estudo, que Lameiras desenvolve xunto ás investigadoras María Victoria Carrera e Yolanda Rodríguez presentaranse no marco dos actos do 25N, segundo anunciaron este luns en rolda de prensa a concelleira de Igualdade, Carmen Fouces, e a coordinadora do proxecto.

Este luns adiantaron que o abuso sexual infantil amósase como a situación maioritaria en canto á primeira experiencia de violencia sexual vivida.

A campaña #PrimAcoso desenvolveuse ao longo de tres semanas en novembro 2016 poñendo o foco "na base da pirámide a partir da que se edifica toda a violencia contra as mulleres" e que permitiu reunir unha información coa que era preciso facer "un estudo profundo e serio" que permitise a extracción dunha serie de conclusión "fundamentais para despois poder tomar decisións políticas", explicou a concelleira Carmen Fouces.