A campaña turística da Deputación, Fame de experiencias, suma un novo premio, o quinto recoñecemento internacional. O último galardón foi conseguido no Festival de Turismo de Riga, Letonia, na categoría de mellor Produto Turístico.
O audiovisual, producido pola empresa Esmerarte, recibiu o primeiro premio fronte a outros 38 vídeos de todo o mundo. O segundo posto foi para Canadá e o terceiro, compartido, para Croacia e Tesalónica, en Grecia. O certame do país báltico cumpriu este ano 13 edicións e nesta ocasión optaron a premio 154 produccións de todo o mundo.
Tras coñecer a noticia, a presidenta Carmela Silva puxo en valor "os grandes destinos con que competíamos” e destacou que "este novo recoñecemento internacional que nos sitúa como un destino de referencia grazas a un turismo ligado ao territorio, ao produto e, como amosamos neste caso, a grandes produtores que o fan todo dun xeito tradicional e ecolóxico, en definitiva un modelo que xa era o motor do turismo e que agora aínda o será máis”.
Este premio súmase aos catro que xa conseguira anteriormente a Deputación de Pontevedra con esta obra na Feira de Fitur, nos Golden City Gate de Berlín, nos New York Festivals Film and TV Awards e no 16° International Tour Film Fest de Bulgaria.