A campaña 'Yes we can' volve a Pontevedra: "os animais non son xoguetes"

Pontevedra
15 de abril 2015

'Yes we can' 2015, a campaña do Concello xunto coa asociación Os Palleiros loitará un ano máis por concienciar á cidadanía sobre a importancia de poñer microchip ás mascotas, adoptar en lugar de mercar e o maltrato aos animais

Cans nas instalacións do Refuxio de animais de Campañó (Pontevedra)
Cans nas instalacións do Refuxio de animais de Campañó (Pontevedra) / Mónica Patxot
Miguel Figueira presenta a campaña 'Yes we can' 2015 /

'Yes we can' 2015 volve por terceiro ano consecutivo coa súa misión de concienciar sobre o excesivo abandono animal que sofre Pontevedra. A campaña deseñada polo Concello pretende sensibilizar a poboación sobre os abandonos, a adopción en vez da compra e o maltrato aos animais.

Rosario Dacosta e Gloria Cubas da asociación Os Palleriros xunto ao concelleiro de Sanidade Animal, Miguel Filgueira, presentaron este mércores en rolda de prensa os temas fundamentais da campaña que pretende seguir mellorando a situación dos cans coas accións que se levarán a cabo.

O chipeado de cans é a primeira das propostas desta campaña. Uns trinta días nos que poñer o chip só custará 25 euros a todos aqueles que pidan cita no número de teléfono do Concello: 986 804 300 extensión 7583.

Miguel Filgueira comentaba a importancia desta iniciativa de chipeado, xa que "case a totalidade dos abandonos son cans sen chips", e non só os abandonados, senón que se as mascotas perdidas non levan chip corren o risco de non poder volver aos seus fogares.

Un par de veterinarios ademais da que traballa na asociación Os Palleiros, serán os encargados de implantar os chips ás mascotas.

A campaña tamén se traslada á rúa para seguir concienciando os que desexan ter unha mascota e a aqueles que xa a teñen. Os propietarios de cans se lles lembrará a importancia de recoller as deposicións da rúa, que aínda que é unha idea que a cidadanía xa ten bastante clara e iso se nota nas rúas da cidade que se encontran moito máis limpas, segundo Miguel Filgueira. Para os que estean a pensar en ter un can recordaráselles a adopción. Comentaba o concelleiro que mentres que hai países que importan cans abandonados porque o seu nivel de conciencia fai que non exista o abandono nas súas rúas, en cambio en Pontevedra "estamos desbordados".

"Case a totalidade dos abandonos son cans sen chips"

O sábado 18 celébrase o día da adopción, data que na asociación Os Palleiros aproveitará para facer unha xornada de concienciación e de información na que todos os interesados en adoptar ou en facerse voluntarios poderán achegarse á praza de Ourense dende as 11:00 horas da mañá ata as 20:00 horas, ademais de gozar do "mercadillo".

Tamén se anunciou que as obras do refuxio están a finalizar, o que servirá para mellorar as condicións dos animais recollidos. O sábado 25 celebrarase unha xornada de portas abertas para ver entre as instalacións a nova gateira, que permitirá ter os gatos nun lugar cómodo mentres esperan a ser esterilizados ou se recuperan dalgún tratamento.

Gloria Cubas deu as cifras que tanto alarman á asociación Os Palleiros e que fomentan que cren este tipo de campañas. 61 cans abandonados nos meses de xaneiro, febreiro e marzo, aínda que xa foron adoptados 58. Un total de 159 cans están na actualidade na protectora, superando a capacidade de 150 desta, e 31 en acollida. Esta gran cantidade de animais fai que os gastos para Os Palleiros sexan de 1.200 euros cada 45 días en penso e 1.900 euros en gastos veterinarios que poden incrementarse segundo o mes.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora