A Canicouva volve ser a única oferta para a creación da planta de compostaxe de Pontevedra

Pontevedra
09 de xullo 2015

Pechouse este xoves o proceso de licitación ao que só se presentou a oferta da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de Santo Estebo de Canicouva co predio "Rega do Loureiro" cunha superficie de 100.000 metros cadrados

Mapa no que se recolle o lugar onde se instalará a planta de compostaxe
Mapa no que se recolle o lugar onde se instalará a planta de compostaxe / Google Earth / PontevedraViva

Este xoves deuse un paso máis no proceso de construción dunha planta de compostaxe para Pontevedra que impulsa o goberno local. Pechouse o proceso de licitación de contrato de aluguer ou cesión onerosa dos terreos para a construción e explotación desta instalación. A única oferta que se presentou foi a da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de Santo Estebo de Canicouva.

Esta organización presentou a oferta do predio "Rega do Loureiro", situado no monte veciñal de Canicouva, cunha superficie de 100.000 metros cadrados.

A superficie mínima que se establecía era de 20.000 metros cadrados para a construción e explotación da planta que se asocia, segundo as bases, á mellora do monte. O prazo mínimo da cesión establécese en 30 anos, prorrogables por períodos anuais ata un máximo de 45 anos máis, sen superar os 75.

O proceso abriuse esta vez porque na anterior licitación, a Comunidade de Montes da Canicouva presentara a súa oferta fóra do prazo a finais de 2014.

Esta proposta obtivo mostras de rexeitamento por parte doutras parroquias limítrofes, tanto de Ponte Caldelas e Vilaboa, como da pontevedresa de Ponte Sampaio.