A carpa do Revitaliza chega a Bueu para informar sobre compostaxe doméstica e comunitaria

Bueu
02 de setembro 2020

Mestres composteiros da Deputación estarán o xoves en Bueu para entregar compost e material divulgativo

Carpa do Plan Revitaliza
Carpa do Plan Revitaliza / Deputación de Pontevedra

Os mestres composteiros do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra achegaranse este xoves a Bueu para falar de compostaxe coa veciñanza. Instalarase a carón da praza de abastos.

Os cidadáns que se acheguen poderán resolver dúbidas sobre a xestión dos residuos orgánicos e do resto das fraccións grazas ás explicacións do persoal técnico provincial. A intención é que toda a xente que se achegue saiba que compostar é sinxelo e converte o lixo orgánico nun recurso, dándolle unha nova vida coma compost. Entre outras das explicacións afondarase sobre o tipo de lixo que se pode botar no composteiro e o que non.

As persoas asistentes, amais de cubrir as inscricións para participar na compostaxe comunitaria ou solicitar un composteiro individual, poderán recoller diferente material divulgativo e de concienciación para que compostar sexa aínda máis sinxelo (imáns, guías ou bolsas).

As persoas que queiran levar unha mostra de compost tamén recibirán indicacións das posibilidades de uso para fertilizar as prantas.

O punto informativo que se achegará ao Morrazo leva percorrendo todos os ‘concellos Revitaliza’ da provincia dende o pasado ano. Ata o de agora o interese espertado foi moi alto, tanto no referido á compostaxe individual con composteiros de horta, como á compostaxe comunitaria en zonas de máis densidade de vivendas. De feito, hai zonas nas que hai lista de agarda para poder obter un composteiro individual ou para habilitar centros de compostaxe comunitaria.

As actividades de información sobre o Plan Revitaliza pretenden xerar unha dinámica de impulso da compostaxe como un modelo de xestión do lixo ambientalmente sustentable, achegando de maneira lúdica e sinxela á veciñanza que é compostar: dar unha nova vida aos residuos orgánicos para que volvan de novo á terra como fertilizante natural e xeren novos produtos, fomentando así a economía circular en lugar de queimalos ou envialos a un vertedoiro.