A celebración da carreira popular +10 Marín Manuel Rosales, que se celebrará este sábado ás 21.30 horas, obrigará a cortar o tráfico polo centro da vila marinense.
A rúa Almuiña, na que estará instalada a meta, permancerá pechada ao paso de coches desde as 14 horas. Con todo, aqueles condutores que teñan os seus garaxes nesta vía poderán acceder a ela a través da rúa Jaime Janer.
O trazado da carreira, ao que os corredores terán que dar dúas voltas, discorre pola Avenida de Ourense, Escola Naval, gasolineira, mercado de abastos, policía Nacional Avenida de Ourense ata o Concello, Cantodarea e regreso a meta por Marqués de Valterra.
Desde as 19 horas, a organización da proba cortará o tramo comprendido entre a praza de España e o cruzamento coa rúa Vidal Pazos, mentres que o resto do circuíto non se cortará ata as 21.30. O tráfico restablecerase ao redor das 23.45, cando termine a proba.
Aínda que o Concello recomenda tomar a variante para evitar retencións no centro, para aqueles que precisen entrar na vila terán un roteiro alternativo polo interior do porto.