A Casa das Campás acollerá este xoves as X Xornadas Anuais de Cooperación

Pontevedra
30 de novembro 2015

O próximo xoves 3 de decembro de 2015 a Casa das Campás acollerá as X Xornadas Anuais de Cooperación que anualmente organiza o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, e que nesta ocasión estará concentrado na experiencia do seu programa de voluntariado "Vacacións con Traballo", que se achega ao seu décimo aniversario

Encontro de Vacacións con Traballo no décimo aniversario do programa
Encontro de Vacacións con Traballo no décimo aniversario do programa / Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O próximo xoves 3 de decembro a Casa das Campás acollerá as X Xornadas Anuais de Cooperación que anualmente organiza o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, e que nesta ocasión estará concentrado na experiencia do seu programa de voluntariado "Vacacións con Traballo", que se achega ao seu décimo aniversario.

"Vacacións con Traballo" é un programa que desde 2006 impulsa o Fondo Galego de Cooperación cara aqueles funcionarios ou técnicos da administración pública local que estean interesados en participar, durante un mes, nos países onde teñen proxectos de cooperación, actualmente Nicaragua e Cabo Verde.

Nestas xornadas contarán coa presenza de participantes do mundo sindical (CC.OO, CIG, CSI-F), dalgúns dos voluntarios que participaron neste programa desde 2006, de representantes de dúas Cámaras Municipais de Cabo Verde (Santa Cruz e Ribeira Grande de Santiago) onde desenrolan proxectos de cooperación; e finalmente cunha representante do Fondo Estremeño Local de Cooperación ao Desenvolvemento (FELCODE), que conta cunha experiencia similar a nivel estatal.

Neste sentido, estas xornadas servirán para albiscar novas fórmulas para procurar a participación dos traballadores da administración local.

Así mesmo, os participantes poderán gozar dunha actuación do grupo teatral A Tropa de Trapo, dunha degustación de café de comercio xusto e da inauguración da exposición ‘Nicaragua: O futuro’, de Felipe Carnotto, gañador do concurso fotográfico Imaxes con Fondo II que impulsa o Fondo Galego de Cooperación.