A Casa Museo de Colón recibiu máis de 800 visitantes desde xuño

Poio
27 de setembro 2022

Entre as persoas que visitaron as instalacións figuran turistas de países como Arxentina, Estados Unidos, México, Alemaña ou Italia

Excursionistas na Casa Museo de Colón
Excursionistas na Casa Museo de Colón / Concello de Poio

Máis de 800 persoas visitaron entre os meses de xuño e setembro a Casa Museo de Colón. As instalacións de Portosanto acadaron unhas cifras de récord, tal e como explica a tenente de alcalde e concelleira de Turismo, Silvia Díaz. "Estas 806 visitas supoñen un incremento de máis do 30% con respecto aos datos correspondentes ao período que vai desde abril ata outubro en 2021", apuntou. Daquela, a cifra foi de algo máis de 500. 

Silvia Díaz considera que este dato constata "o éxito que supuxo a activación do Plan de Dinamización da Casa Museo impulsado polo Concello, da que se encarga a firma Tempos Arqueólogos". 

A meirande parte dos visitantes que quixeron coñecer o museo e familiarizarse coa teoría da orixe galega do histórico navegante proviñeron de provincias de preto dunha ducia de Comunidades Autónomas como Asturias, Cantabria, Euskadi, Cataluña, Madrid, Aragón, Castela e León, Castela A Mancha, Andalucía, Extremadura, Murcia ou Canarias.

A Casa Museo de Colón permanecerá aberta ao público, de mércores a domingo en horario de 12.00 a 19.00 horas, ata o día 15 de outubro.

XORNADAS SOBRE O COLÓN GALEGO

Este venres, 30 de setembro, o Casal de Ferreirós acollerá as Xornadas do Colón Galego, con entrada libre á partir das 18.00 horas. A cita inclúe dúas charlas a cargo do escritor e investigador Ángel Carracelas, autor de 'La huella de Pedro Madruga en Cristóbal Colón', e de Pedro Martín, presidente da Asociación Galicia Histórica.

Unha vez rematados os coloquios, as persoas asistentes poderán participar nunha visita guiada á Casa Museo de Portosanto, ás 19.30 horas.