As persoas veciñas do municipio de Poio que queiran solicitar o Ingreso Mínimo Vital a través do sistema telemático contarán cun Punto de Apoio na Casa Rosada, situada na contorna da Barca.
Nestas instalacións municipais instalouse un computador para que a poboación interesada leve a cabo a tramitación. Ademais, unha traballadora municipal ofrecerá asesoramento no mesmo lugar a aquelas persoas que teñan dúbidas para solicitar a axuda aprobada polo Goberno do Estado.
Para facer uso deste servizo, segundo sinala a responsable do departamento Rosa Fernández, será preciso pedir cita previa, en horario matinal, chamando ao número de teléfono 986.872.401. Desde a Concellería de Benestar Social lembran que para realizar a solicitude na Casa Rosada será necesario achegar toda a documentación correspondente e o modelo de documento de acreditación de vontade.
Aclara tamén que neste Punto de Apoio non se recollerán reclamacións nin se determinará se unha persoa ten dereito a recibir este Ingreso Mínimo Vital. Para estas situacións, o Concello remite á páxina web da Seguridade Social, que é o organismo encargado da xestión. Para estes casos recoméndase que se consulte a web da Seguridade Social ou o teléfono 900.202.222.