A Casa Rosada fará este venres a súa tradicional sardiñada

Poio
29 de xuño 2022

A cita será este venres, 1 de xullo, a partires das 18.00 horas, na cal se ofrecerán 70 quilos de sardiña asada, ademais de viño e pan de millo

Sardiñada popular na Seca
Sardiñada popular na Seca / Diego Torrado

A Concellería de Benestar Social e Mocidade recupera este venres, 1 de xullo, a súa tradicional sardiñada, unha cita que tivo que ser suspendida tanto en 2021 como en 2020 por mor da situación sanitaria provocada pola pandemia da COVID-19. 

A concelleira responsable deste departamento, Rosa Fernández, lembra que esta actividade "está fundamentalmente pensada para os e as nosas maiores, pero é aberta a toda a veciñanza". Fernández amosa a súa satisfacción por poder volver a celebrar un encontro que serve para dar a benvida ao verán. 

"Nunha tempada na que, afortunadamente, pouco a pouco puidemos volver a reencontrarnos e a retomar diferentes actividades non podíamos poñerlle o broche de ouro sen a sardiñada", recalcou.

Como xa é habitual, a entrada será de balde. As sardiñas asadas comezarán a prepararse sobre as 18.00 horas.

Posteriormente, comezará o reparto de racións, que estarán acompañadas de viño e pan de millo. A velada estará amenizada con actuacións musicais. En total, repartiranse uns 70 quilos de sardiña. Persoal do Concello será o encargado de realizar a sardiñada, mentres que a entrega de racións correrá a cargo do persoal da Casa Rosada, incluída a propia concelleira de Benestar Social e Mocidade. 

A degustación terá lugar na finca exterior das dependencias de Servizos Sociais.