A catástrofe de Nepal, monitorizada por radioafeccionados de Pontevedra

Pontevedra
01 de maio 2015

Os socios radioafeccionados da comarca das Rías Baixas de Pontevedra monitorizan a canle de raio de emerxencias que a unión internacional de radio afeccionado (IARU) activou dende o primeiro día da catástrofe de Nepal

Radioafeccionados de Pontevedra traballando no mantemento de sinais xeodésicos
Radioafeccionados de Pontevedra traballando no mantemento de sinais xeodésicos

Os radioafeccionados de Pontevedra colaboran coa rede de emerxencias que a unión internacional de radio afeccionada (IARU) mantén activa dende o mesmo día da catástrofe de Nepal. Dende Pontevedra monitorizan a comunicación de mensaxes na frecuencia activada. O traballo destes radioafeccionados é manter aberta a canle de frecuencia pola cal poden garantir unha comunicación rápida e eficaz cando os demais medios de comunicación non son efectivos.

A radiocomunicación é un medio que subsiste e permanece activo grazas aos máis de 30.000 radioafeccionados que existen en España, dos cales, máis de 500 se encontran en Pontevedra.

Na cidade de Pontevedra encóntrase a Unión de Radioafeccionados da Comarca das Rías Baixas, Pontevedra e Ulla (URRB). Con 37 anos de antigüidade e máis de 70 socios segue traballando e sacando proxectos para mostrar que son un "colectivo vivo da sociedade e que están máis activos que nunca", segundo Tomás Manuel Abeigón Vidal, membro da Xunta directiva da URRB.

Aínda que actualmente non dispoñen dunha sede encóntranse buscando un local social onde poder levar a cabo as súas reunións, manter unha estación de radiofonía operativa permanente e realizar cursos de formación para aqueles que queiran introducirse no mundo da radiocomunicación.

Nunha época como a actual, altamente tecnolóxica, as radiocomunicacións continúan tendo vixencia, grazas aos seus numerosos usuarios. A comunicación radiofónica e os radioafeccionados son hoxe en día os únicos que están en condicións de garantir as comunicacións con todo o planeta en circunstancias excepcionais de emerxencias, segundo Tomás Manuel Abeigón Vidal.

Ademais, entre os proxectos nos que actualmente traballan na asociación destaca a súa colaboración co Instituto Xeográfico Nacional. Co que traballa no mantemento dos sinais xeodésicos dende novembro de 2012.