A cea de Louzán no Ritz era para promocionar Rías Baixas e nela participaron 200 persoas

Pontevedra
28 de xaneiro 2017
Actualizado: 14:14

O diñeiro ao que facía referencia o PSdeG-PSOE serviu para alugar un dos salóns deste coñecido hotel madrileño e a cea, servida por un restaurante pontevedrés, custou uns 50 euros por persoa, segundo afirmaron desde o PP

Rafael Louzán Mónica Patxot

O Partido Popular aclarou, a través dun comunicado, os detalles da cea que Rafael Louzán presidiu no hotel Ritz de Madrid en 2008 e que, segundo denunciaron os socialistas, supuxo un desembolso de máis de 9.000 euros para as arcas da Deputación de Pontevedra.

Tras analizar o dito por Santos Héctor no pleno deste venres, os populares aseguran que no evento participaron 200 persoas, entre eles operadores de turismo tanto nacionais como internacionais e xornalistas, convocados para promocionar a marca Rías Baixas.

O diñeiro ao que facía referencia o PSdeG-PSOE serviu para alugar un dos salóns deste coñecido hotel madrileño e a cea, servida por un restaurante pontevedrés, custou uns 50 euros por persoa, segundo afirmaron desde o PP.

Esta cea formaba parte, continúa o comunicado do PP, das diferentes accións que o anterior goberno provincial levou a cabo na feira Fitur en 2008, ano no que tamén contou cunha caseta propia para todos os concellos da provincia, por iso é polo que se fale, engaden, dun gasto global de 400.000 euros por parte da Deputación.

Aquela decisión veu motivada, lembran os populares, porque a Xunta de Galicia, entón gobernada polo bipartito, "apenas tiña espazo na feira" para dar resposta á estratexia do executivo provincial que era relanzar a marca Rías Baixas.

Ese obxectivo, conclúen, cumpriuse en tan só un ano, ao situar a marca Rías Baixas como o sétimo destino preferido entre os turistas españois.

Dentro desta estratexia, catro anos antes, a Deputación de Pontevedra adquiriu o Palacete das Mendoza, actual sede deste organismo turístico, para potenciar a imaxe da provincia de Pontevedra de cara o turismo.

SANTOS HÉCTOR VOLVE Á CARGA

Tras estas explicacións do Partido Popular, o deputado socialista que divulgou a factura, Santos Héctor, mantén a súa denuncia pública e acusou aos populares de "volver a mentir e tentar enganar aos cidadáns".

O responsable de Turismo no goberno provincial destaca, tamén vía comunicado, que "en ningún momento" o PP desminte o pago desa cantidade "porque saben que é verdade" e matiza que os 9.000 euros aboáronse "unicamente" para pagar o aluguer do salón do Ritz, polo que o custo da cea no seu conxunto foi superior.

O dirixente socialista ironiza tamén sobre os asistentes porque sinala que "é lóxico que fosen 200 e máis tendo en conta que ás comilonas de Louzán convidábase as parellas, familiares e demais coñecidos. As fotografías están aí para miralas".