A contorna da Illa das Esculturas e do Miradoiro de Monte Porreiro será escenario este sábado pola tarde da celebración da carreira de obstáculos Gladiator Race. Unha proba deportiva na que participarán preto de 1.400 corredores e que provocará cortes de tráfico nos accesos e nalgunhas rúas deste barrio pontevedrés.
Entre as 13 e as 22 horas, a Avenida de Bos Aires entre a Ponte dos Tirantes e a Ponte das Palabras permanecerá cortada por completo ao tráfico de vehículos. Tampouco estará permitido o paso polas rúas que desembocan nesta avenida, salvo para a entrada e saída de garaxes. Do mesmo xeito, os coches tampouco poderán circular neste período de tempo polas rúas Francia, Dinamarca e Holanda.
A circulación tamén contará con restricións na Ponte das Palabras, polo que só se poderá conducir en dirección á rúa Grecia.
O circuíto da competición, que comeza ás 16 horas, discorre pola Illa das Esculturas, a marxe esquerda do río Lérez, a Ponte das Palabras, o parque do Miradoiro de Monte Porreiro, a avenida de Bos Aires e o parque da antiga fábrica de Tafisa para terminar novamente na Illa das Esculturas, onde estará instalada a meta.