O Concello de Cuntis reforzará o servizo de atención na súa oficina de turismo coa incorporación dun novo técnico especializado a este departamento durante os meses de verán, periodo no que o municipio incrementa notablemente a afluencia de visitantes.
O Concello conta cunha partida de 10.823 euros dos que o 58,8% serán sufragados pola Deputación de Pontevedra con cargo a unha subvención convocada para reforzo da información e atención ao público nas oficinas de turismo adheridas á rede de oficinas de Turismo Rías Baixas para este ano 2022.
Cuntis recibirá por tanto 6.370 euros do ente provincial, asumindo a cantidade restante con fondos propios. Manuel Campos, alcalde de Cuntis, sostén que este reforzo constitúe unha ferramenta máis para dar a coñecer o municipio, e ofrecer unha atención de calidade ás persoas que se achegan a Cuntis con intención de descubrir os moitos recunchos naturais que oferta.
O turismo termal e de natureza, a través das rutas de sendeirismo, xunto ao turismo deportivo coa organización de diferentes probas que congregan na vila a equipos e competidores doutras localidades son os dous eixos da promoción local.
Dende o pasado mes de marzo a oficina de turismo do Concello recibe unha media mensual de 100 visitas para solicitar información detallada dos diferentes recursos que ofrece a vila e amosando un interese especial polo patrimonio arqueolóxico e as rutas de sendeirismo.
A recuperación das visitas guiadas totalmente gratuitas, o deseño de novas rutas de sendeirismo, a edición de novos materiais, a promoción a través das redes sociais de Cuntis como destino de calidade, o impulso ás liñas de colaboración coa Fundación Castrolandín para dar a coñecer o xacemento ou a aposta pola rectoral de San Fins de Estacas como novo atractivo turístico son algúns dos elementos cos que Cuntis traballará para avanzar na consolidación do turismo como un revulsivo para a economía local.
Apresenza de visitantes na localidade ten, segundo o Concello, unha tradución directa no consumo, tanto na hostalaría como no comercio local.
"E afianzar esa economía circular é o noso principal obxectivo porque ademáis dos recursos turísticos, en Cuntis temos unha hostalaría de calidade e un comercio de proximidade competitivo e actual que ten que medrar paralelamente ao desenvolvemento turístico", explica Manuel Campos.