O Colexio Inmaculada de Marín organizou este venres unha chocolatada solidaria que recadou 2.266 euros para a illa canaria de La Palma.
Un grupo de mozos de Juventudes Marianas Vicencianas (JMV), xunto coa Asociación de nais e pais do alumnado (ANPA) Martín Herrera, levaron a cabo esta iniciativa que, pola mañá tivo lugar no propio colexio coa participación de boa parte da comunidade educativa e, xa pola tarde, na Alameda Rosalía de Castro.
Tanto a carpa onde se estableceu o posto de venta como o chocolate foron cedidos polo Concello de Marín. Isto sumouse ás axudas brindadas por parte da Churrería Vázquez Galiano e de Supermercados Froiz.
Centos de persoas colaboraron coa iniciativa, que logrou recadar 2.266 euros que serán destinados, a través de Cáritas Tenerife, aos damnificados pola erupción do volcán.
Dende a organización agradeceron "a resposta xenerosa a esta chamada de axuda para intentar paliar tanto sufrimento como está a causar esta catástrofe".