Representantes do Servizo Intermunicipalizado de Xestión de Residuos do gran Porto en Portugal –LIPOR- e da Universidade de Lyon (Francia) estarán estes días na provincia de Pontevedra para coñecer o Plan Revitaliza da Deputación e aproveitar a experiencia do plan provincial para trasladala aos seus correspondentes territorios.
Coincidindo coa proximidade do Día Mundial do Medio Ambiente (domingo 5 de xuño) o departamento do Revitaliza está a formar ao técnico superior da Unidade de Educación Ambiental de LIPOR Luís Campos, que permanecerá en Pontevedra ata finais da semana próxima, cando tamén chegarán á provincia outros catro compañeiros do servizo portugués.
No caso dos portugueses, a súa intención e coñecer máis polo miúdo como se traballa aquí na provincia coa compostaxe e a cidadanía e, sobre todo, cos produtores singulares (hostalería, grandes superficies, residencias…). De momento, na área de Porto só compostan restos verdes e queren comezar tamén a compostar restos de comida.
Por outra parte, a vindeira semana chegará a Pontevedra unha comitiva da Universidade de Lyon que está a desenvolver o proxecto VALOR.
O vicepresidente César Mosquera manifestou a súa satisfacción polo éxito e o interese que está a suscitar o Revitaliza na comunidade internacional e lembrou que durante toda a traxectoria do programa xa teñen chegado á provincia comitivas dende China, Xapón, Israel, Portugal (Lisboa), Guinea Bissau, Bolama, e a entidade Small Islands Organization (SMILO) entre outros.
Recentemente tamén se ten considerado o 'Revitaliza' caso de éxito e exemplo pioneiro da xestión de residuos no congreso internacional 'Waste in Progress'.