As rúas da cidade de Pontevedra xa teñen os primeiros contedores amarelos renovados. Os primeiros instaláronse nas últimas horas na ruta formada polas rúas Benito Corbal, Loureiro Crespo, Cobián Roffignac, Avenida do Uruguai e Avenida de Bos Aires.
A empresa concesionaria, Ferrovial Servicios, que asume o custo da renovación de todos os contedores, continuará con este traballo no resto da cidade durante os próximos días. Ademais, este cambio é simultáneo coa instalación dos novos iglús verdes para o vidro.
Os novos contedores para plásticos e envases son similares aos verdes (de orgánica e resto) pero con tapa amarela. Son de recollida lateral, o que mellorará substancialmente o seu baleirado por parte dos operarios.
Paralelamente, o Concello xa traballa en definir onde se instalarán as novas illas de reciclaxe do rural. Está tomada a decisión de empezar a implantar estas illas polas parroquias da marxe esquerda do río: Bora, Mourente, Marcón, Tomeza, Salcedo, Lourizán, Ponte Sampaio e A Canicouva.
Na zona urbana as illas de reciclaxe pasarán de 263 a 270 e no rural multiplicaranse pasando de 50 a 175.