A Cidade Infantil Príncipe Felipe, laboratorio de probas da compostaxe

Pontevedra
15 de marzo 2016

Veciños e representantes da corporación municipal de Pontevedra asistiron a unha explicación sobre o funcionamento dos composteiros da Cidade Infantil para comprobar como debe realizarse o tratamento do lixo. Á cita non acudiron os representantes do PP e do PSOE

Composteiros no Príncipe Felipe Mónica Patxot

Ao redor de 40 veciños e integrantes da corporación no Concello de Pontevedra desprazáronse ata a Cidade Infantil Príncipe Felipe para coñecer o funcionamento dos composteiros que se atopan en marcha neste recinto.

Carlos Pérez, asesor na Deputación en materia de tratamento de residuos, explicou o proceso que leva unha semana de actividade. Este proxecto serve como sistema de proba para poñer en marcha centros de compostaxe comunitaria en distintos puntos do concello pontevedrés.

Segundo infórmase desde a Deputación, os veciños de colectivos como a Federación Castelao, Vaipolorío e de asociacións veciñais de Campolongo, Salcedo e Lérez mostráronse receptivos a este sistema de xestión do lixo nesta visita na que tamén estiveron presentes o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado polos concelleiros nacionalistas Demetrio Gómez Junquera e Alberto Oubiña, ademais do portavoz de Marea Pontevedra, Luís Rei e a representante de Ciudadanos, María Rey.

A esta invitación non asistiron representantes do grupo municipal do Partido Popular nin do Partido Socialista.

Os dous composteiros instalados en Príncipe Felipe funcionan a pleno rendemento, controlados polos alumnos da Facultade da Compostaxe. O composteiro comunitario atópase preto da cociña da Cidade Infantil e nel realízanse as probas para corrixir os erros que se poidan presentar na xestión diaria nos distintos Concellos.

Carlos Pérez indicou que se está traballando en dúas liñas, cun carácter didáctico. Nunha está a facerse todo o correcto mentres que na outra non se segue o procedemento adecuado para comprobar cales son as consecuencias.

Os mestres composteiros que saian da Facultade da Compostaxe serán os responsables de achegar o estruturante para combinalo cos restos orgánicos medindo a temperatura e a humidade, ademais de remover o produto resultante para garantir a súa osixenación que permita a creación do compost.

Neste recinto tamén se atopa un compostador dinámico para os residuos do Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza. Este sistema precisa de menor control por parte dos técnicos.

A través destes sistemas están a tratarse cada día ao redor de 150 quilos de lixo orgánico.