A CIG conmemora o 10 de Marzo reclamando unha nova lexislación laboral e un marco galego de relacións laborais

Pontevedra
10 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

A CIG saíu ás rúas este 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, para enfrontar a precariedade e a pobreza, reclamar traballo digno e que o marco galego de relacións laborais sexa unha realidade

Concentración da CIG polo Día da Clase Obreira Galega
Concentración da CIG polo Día da Clase Obreira Galega / CIG

A CIG saíu ás rúas este 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, para enfrontar a precariedade e a pobreza, reclamar traballo digno e que o marco galego de relacións laborais sexa unha realidade. 

En Pontevedra a CIG convocou unha concentración, ás 11.30 horas, que tivo lugar na praza de Peregrina. 

A central sindical nacionalista chamou á cidadanía a saír á rúa para "rematar coa precariedade, co abuso da contratación a tempo parcial e fixa descontinua" en todos os sectores públicos e privados; e tamén para esixir unha nova lexislación laboral e social "que restitúa os dereitos perdidos e favoreza novos dereitos e regulacións que nos fortalezan como clase traballadora galega".

Además subliña a mobilización é "necesaria" nun momento como o actual, "no que  ter un emprego xa non garante os ingresos mínimos necesarios para vivir con dignidade e acceder a dereitos básicos como son a alimentación, a enerxía ou a vivenda".

Mais tamén a CIG reclama a "urxente" posta en marcha dun Plan galego de recuperación económica, industrialización, creación de emprego digno e reforzo dos servizos públicos en Galiza; e "porque necesitamos facer realidade un Marco Galego de Relacións Laborais". 

A Confederación Intersindical Galega quere que a cidadanía poida exercer o dereito a negociar e decidir en Galicia os seus convenios colectivos, as súas condicións de traballo, de forma directa e democrática, "con solucións xustas á nosa realidade laboral, social, industrial, económica e demográfica", aseveran.

Cando se cumpren dous anos da aprobación da última reforma laboral, a CIG denuncia que "fronte á propaganda os datos son teimudos" e as cifras reflicten que "máis do 50% das familias en pobreza teñen emprego e unha de cada tres persoas traballadoras tiveron ingresos inferiores ao SMI. Sendo especialmente exemplo desta realidade, as mulleres e a mocidade".

"A reforma laboral fixo mudanzas de cara a que as estatísticas ofrecesen datos marabillosos de contratación indefinida, pero a realidade non mudou e a precariedade estendeuse baixo outras formas, mesmo abusando as empresas do uso do período de proba como contratación con despedimento libre", denuncian.

A CIG xa advertira de que "as medidas recollidas nesta reforma, xunto cos recortes de dereitos que supuxo a reforma do Goberno do PP do 2012 non derrogada polo autodenominado Goberno máis progresista, ían supoñer de novo que a maioría social vería empeoradas aínda máis as súas condicións laborais e salariais".