A CIG convoca folga no comercio de alimentación o 12 e 13 de xullo

Pontevedra
08 de xullo 2023

Malia a mediación continúa sen alcanzarse un acordo entre a patronal e a parte sindical, onde a maioría pertence á CIG, que convoca este paro reclamando melloras económicas cunha cláusula de revisión salarial que figure no convenio e melloras na xornada laboral porque, actualmente, denuncian que carecen dunha fin de semana libre

Transi Fernández e Iván Veiga, de CIG-Servizos, no centro da imaxe
Transi Fernández e Iván Veiga, de CIG-Servizos, no centro da imaxe / PontevedraViva

Desde febreiro atópanse negociando un novo convenio colectivo os sindicatos e a patronal do comercio de alimentación, cuxo grupo maioritario está conformado por ASAP, que acolle a Gadis e Froiz. A falta de acordo provocou que a CIG, central maioritaria na provincia dentro deste sector, convoque unha folga os días 12 e 13 de xullo.

Durante os últimos encontros estableceuse mediación por parte de Relacións Laborais sen que se rexistrasen avances que permitan alcanzar un acordo satisfactorio para as partes, segundo a central nacionalista.

Iván Veiga, de CIG-Servizos, explicaba que as diferenzas principais se atopan na cuestión económica e na xornada laboral. Os sindicatos reclaman unha cláusula de revisión salarial no novo convenio para que se actualicen os salarios ao IPC anual e, desta forma, evitar a perda de poder adquisitivo do persoal como xa sucedeu en anos anteriores. 

Ademais, sinalan que as xornadas son de luns a sábado, de 40 horas semanais, que xeran problemas de conciliación.

Neste sentido, Transi Fernández, secretaria nacional de CIG-Servizos, explica que o persoal, principalmente traballadoras, carecen dunha fin de semana libre ao ano. O convenio actual só recolle catro días de asuntos propios. Reclaman seis fins de semana de calidade para repartir ao longo do ano, pero a patronal só ofrece un sábado e á súa elección, ademais dun día máis de vacacións.

Fernández advirte, ademais, de que estarán pendentes das presións que exerzan as empresas estes días para tentar evitar que o persoal se some a estas xornadas de folga.